viernes. 19.04.2024

Nova convocatoria de prazas en propiedade para médicos de atención primaria en lugares de difícil cobertura

Deste xeito, garántase que especialistas coma traumatólogos, radiólogos ou internistas que queiran traballar nun hospital comarcal ou os especialistas en saúde mental que opten a cubrir as novas prazas creadas a través do Plan de Saúde Mental de Galicia poidan facelo de xeito automático, computando unicamente os seus méritos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego volverá realizar o ano que vén unha convocatoria de prazas en propiedade para médicos de Atención Primaria que queiran ir aos centros “onde son máis necesarios” pola “difícil cobertura” destes postos e que estenderá esta iniciativa ás prazas de especialistas nos hospitais comarcais e ás de saúde mental.

Así o comunicou na súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, na que puxo en valor que se fará a través de concurso de méritos, sen necesidade de acudir a unha oposición. “Son prazas para toda a vida. Que máis estabilidade laboral pode haber que esa?”, argumentou Rueda, en relación ao compromiso do Goberno galego coa calidade de emprego dos profesionais da sanidade pública galega.

Precisamente, lembrou o “ben valorada” que foi a convocatoria deste ano de 106 prazas de especialistas de Atención Primaria para as zonas nas que está sendo máis complicado cubrir estes postos. Ao respecto, informou de que se inscribiron nela ao redor de 350 profesionais, o que supón triplicar as prazas que se ofrecían.

En canto á convocatoria do ano que vén, o máximo mandatario galego precisou que a Xunta vai ampliar tamén esta iniciativa pioneira máis aló da Atención Primaria, estendéndoa tamén ás especialidades máis difíciles de cubrir nos hospitais comarcais e á área de saúde mental.

Deste xeito, garántase que especialistas coma traumatólogos, radiólogos ou internistas que queiran traballar nun hospital comarcal ou os especialistas en saúde mental que opten a cubrir as novas prazas creadas a través do Plan de Saúde Mental de Galicia poidan facelo de xeito automático, computando unicamente os seus méritos.

Rueda puxo en valor as medidas adoptadas pola Xunta ante a situación de déficit de especialistas que está a vivir toda España, como os recoñecementos salariais para os profesionais que están cubrindo a baixa dun compañeiro, prolongando a súa xornada par atender máis pacientes ou prestando Atención Primaria en zonas de máis difícil acceso, que foron acordados de xeito unánime coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial de Sanidade e que este mesmo mes se aprobarán definitivamente no Consello da Xunta.

Ao tempo, lembrou a necesidade de que o Goberno de España tome as decisións sanitarias que son da súa competencia como a reforma do sistema MIR de formación sanitaria especializada para conseguir ampliar as prazas formativas de medicina de familia ou crear a especialidade de medicina de urxencias, unhas reclamacións da Xunta de Galicia ás que, lembrou, se teñen sumado varios gobernos autonómicos.

Nova convocatoria de prazas en propiedade para médicos de atención primaria en lugares...
Comentarios