sábado. 05.10.2024

O programa de micromecenado “Sumo Valor” da Universidade de Santiago, que conta co apoio do Consello Social da USC, busca implicar a empresas, entidades e particulares no financiamento de diversas actividades e proxectos, en especial das investigacións destinadas á loita contra a Covid-19. Co fin de impulsar a captación de fondos, o Consello Social acaba de presentar á actriz galega María Mera como embaixadora do programa. María Mera asocia a súa reputación a esta iniciativa para reforzar unha chamada á sociedade civil a sumarse a esta causa, pola que a cidadanía pode participar directamente na xeración do coñecemento. No acto, que tivo lugar esta mañá na sede do organismo, estiveron a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra; o reitor da USC, Antonio López; xunto á propia actriz.

Empresas e particulares poden apoiar o programa a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 €, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da web https://www.usc.gal/gl/micromecenado/. O reitor salientou que “nestes intres, a captación de fondos rolda os 100.000 €, dos cales algo máis de 65.000 € se destinaron á investigación contra a Covid-19. Dos 270 doadores, 241 fixeron a súa doazón a proxectos Covid; o 70% dos doadores son residentes na comunidade galega e 30% reside fóra de Galicia, dos cales o 5% no estraxeiro, en particular nos Estados Unidos e Holanda”. A firma compostelá Urovesa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ames, Alumni USC, o Parque Náutico de Castrelo de Miño (Ourense) e o Grupo Compostela de Universidades son algunhas das entidades doadoras.

María Mera: “Sumo Valor permite que todos podamos contribuír ao avance da ciencia e á loita científica contra o virus”

María Mera amosouse “encantada de poder colaborar con Sumo Valor nestes intres tan difíciles para todos”. Sinalou que “a Covid-19 chegou por sorpresa ás novas vidas e esta situación estanos a dar unha lección como seres humanos. Fíxonos reflexionar sobre a nosa responsabilidade individual para acabar con isto, como nos podemos implicar. Ata o de agora non eramos conscientes do importante que é a investigación, tan necesaria para salvar vidas. E este programa da Universidade de Santiago e o Consello Social permite que todos podamos contribuír ao avance da ciencia e á loita científica contra o virus a través de pequenas doazóns”. Ela, como actriz, defende “o traballo en Galicia” e, nesta liña, destacou que “na nosa comunidade tamén se fai unha investigación competitiva; debemos apoiar o noso, que ademais ten moitísimo valor”.

COLABORACIÓN DA SOCIEDADE

A presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, manifestou que “María Mera é, ademais dunha magnífica actriz, unha persoa moi cercana, que conecta moi ben co público e, sobre todo, moi xenerosa, que aceptou colaborar desinteresadamente co programa de micromecenado posto en marcha pola USC, co fin de dar a coñecer ao gran público esta iniciativa. Vai ser unha grande embaixadora de Sumo Valor, como xa nolo ten demostrado con todas as actividades nas que se está a implicar”.

“A principal misión do Consello Social é establecer canles de colaboración que permitan unha participación activa e eficaz da sociedade galega na USC, impulsando a cooperación entre ambas as dúas para mellorar a calidade da educación e contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia. Unha das nosas funcións é precisamente promover a colaboración da sociedade no financiamento da USC. Nesta liña, apoiamos o programa de micromecenado Sumo Valor, destinado a facer partícipe á sociedade en proxectos científicos como os centrados na loita contra a Covid-19 levados a cabo por investigadores da USC. Estamos a vivir un momento insólito na nosa historia recente, cheo de retos e desafíos, e precisamos, máis que nunca, da colaboración e implicación do tecido socioeconómico da nosa comunidade” -declarou Sierra-.

A presidenta do Consello Social fixo fincapé nun dos principais obxectivos do organismo Así, referiuse, á “necesidade de dar a coñecer á sociedade, e en especial aos sectores económicos, os logros que se están a acadar por parte do persoal investigador da nosa Universidade; somos pioneiros en múltiples disciplinas, competimos a escala internacional coas mellores universidades, e a sociedade debe ser consciente”.

O Consello Social da USC está constituído por 30 membros, 24 dos cales son personalidades da vida cultural, profesional, económica e social, xunto a 6 representantes da comunidade académica.

REITOR DA USC

O reitor da USC, Antonio López indicou que “cando xurdiu a pandemia, a Universidade tivo claro que debía poñer ao servizo da sociedade o mellor que tiña, o coñecemento, e lanzouse esta campaña de micromecenado, que nos permite recibir axudas para destinalas sobre todo a investigación pero tamén como vínculo de conexión da Universidade coa sociedade. O programa posibilita que a sociedade senta que forma parte de proxectos universitarios”. Ademais, o reitor puxo de relevo que a colaboración co programa proporciona importantes incentivos fiscais. E agracedeulle a María Mera o seu “compromiso con Galicia e coa Universidade”.

ACTRÍZ DE ÉXITO

María Mera naceu na localidade coruñesa de Boqueixón en 1986. Licenciada en Xornalismo e con estudos en Arte Dramática, o seu primeiro traballo como actriz foi na popular serie “Matalobos”, o que a levou a ser un dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia, onde combina os seus traballos como actriz e presentadora. Ten protagonizado series de éxito como “Dalia, a modista” distribuída en máis de 10 países; ou “O sabor das margaridas”, acadando sona internacional a través da plataforma Netflix, que xa ten dispoñible a segunda temporada.

Destacan as súas intervencións en filmes como “El desconocido” de Dani de la Torre ou “Julieta” de Pedro Almodóvar; e nas series “El final del Camino” (TVE), “Traición” (TVE) ou “Tres Caminos” (Amazon). Tamén ten feito incursións no teatro como protagonista en “Salomé” co Centro Dramático Galego, “A tecedeira de Bonaval”, “Onde vai o cabalo de Santiago?”, “La señorita Julia”; ou “La extraña pareja” de Chéjov como coprotagonista.

María Mera, embaixadora do programa de micromecenado: "Sumo Valor permite que todos...