viernes. 29.03.2024

Investigadores galegos traballan no desenvolvemento de novos mecanismos e terapias para facer fronte á resistencia aos antibióticos

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra inician mañá xoves, 4 de maio, ás 19:00 horas, a cuarta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o enorme labor científico que se leva a cabo en Galicia. Poderá seguirse en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na web da Deputación-.

Concepción González.
Concepción González.

O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con seis relatorios impartidos por oito recoñecidos expertos e expertas entre os meses de maio e xuño; e un segundo bloque con conferencias dirixidas ao alumnado de institutos de Secundaria e Bacharelato, que se celebrará a finais de ano.

Novas estratexias terapéuticas a partir das superbacterias

Esta primeira sesión leva por títuloAvances en novas terapias". Concepción González Bello, catedrática de Química Orgánica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, falará sobre os retos e as novas estratexias terapéuticas fronte ás superbacterias. Nesta liña, explicará como “os antibióticos son ferramentas terapéuticas fundamentais na loita contra as infeccións bacterianas. Con todo, a súa capacidade para curar estas enfermidades está agora en grave risco debido ás consecuencias do uso de antibióticos de amplo espectro na estabilidade do microbioma e a resistencia aos patóxenos. Estas bacterias evolucionan moi rápido para burlar a acción dos antibióticos, mediante mecanismos cada vez máis sofisticados e difíciles de abordar, en especial nos pacientes cun sistema debilitado”.

maria_de_la_fuente
María de la Fuente.

Tal como lembra a investigadora, a resistencia aos antibióticos alcanzou niveis tan alarmantes que a Organización Mundial da Saúde estima que en 2050 as mortes por resistencia aos antibióticos superarán ás causadas polo cancro. Así, para frear o impacto deste escenario na saúde humana e animal, as investigacións actuais céntranse no deseño de novas entidades químicas con “mecanismos de acción novos”, capaces de incidir sobre “nichos biolóxicos pouco explorados e ben definidos”, así como no desenvolvemento de “terapias combinadas” capaces de reducir o impacto da resistencia das bacterias aos antibióticos en uso clínico. Nesta conferencia amosaranse os retos aos que se enfronta a ciencia, así como os avances terapéuticos máis recentes neste eido.

O desenvolvemento de medicamentos innovadores

Pola súa parte, María de la Fuente Freire, xefa do grupo de Nano-Oncoloxía e Terapeútica TraslacionaI do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), abordará a importancia da nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados co fin de poder dar resposta a necesidades médicas non cubertas. A investigadora incidirá en que “o potencial da nanotecnoloxía para favorecer o desenvolvemento de medicamentos innovadores é un feito indiscutible que se fundamenta tanto nos nanomedicamentos que se atopan na clínica como no número de nanomedicamentos na fase de avaliación clínica, o cal aumenta considerablemente ano tras ano”.

“A aprobación das vacinas COVID-19 baseadas en ARN mensaxeiro e nanopartículas lipídicas supuxo outro punto de inflexión, que abre camiño no desenvolvemento de medicamentos innovadores en áreas como a oncoloxía e as enfermidades raras, entre outras” -indica a experta-. Explica que no seu grupo de investigación traballan “para contribuír con novas tecnoloxías, pensadas e deseñadas para o seu acceso á clínica e, polo tanto, e a máis longo prazo, con novos nanomedicamentos que poidan dar resposta a necesidades médicas reais”.

A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/-/iv-ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

 

Investigadores galegos traballan no desenvolvemento de novos mecanismos e terapias para...
Comentarios