jueves. 28.03.2024

A Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, vén de elaborar un documento recollendo as directrices sobre o uso da máscara tras a publicación do Real Decreto que modifica o obrigatoriedade da mesma. O obxectivo do documento realizado polo Executivo galego é describir as situacións nas que se mantén a obrigatoriedade do uso da máscara en determinados ámbitos.

Así, tal e como recolle o documento, é obrigatorio o uso da máscara en centros, servizos e establecementos sanitarios para o persoal traballador, visitantes e persoas ingresadas cando non permanezan na súa habitación.

Tamén é obrigatoria en centros sociosanitarios para o persoal traballador, visitantes cando estean en zonas compartidas, e traballadores e usuarios de centros sociosanitarios non residenciais (centros de día, centros ocupacionais, etc) e os seus acompañantes cando accedan ao centro.

Engadido ao anterior, a máscara é obrigatoria no transporte público, incluído o transporte escolar.

Non será obrigatoria nos casos anteriores para as persoas menores de seis anos e aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada, ou que pola súa situación de discapacidade ou dependencia non dispoñan de autonomía para quitala.

Así mesmo, recoméndase o uso da máscara nos casos sospeitosos e confirmados de covid e contactos estreitos de casos.

Tamén se recomenda, na poboación xeral, ás persoas vulnerables (maiores de 60 anos, embarazadas e imunodeprimidas) ou contornas onde haxa persoas vulnerables. É igualmente recomendable o uso da máscara en espazos pechados de uso público nos que non sexa posible manter a distancia de máis de 1,5 metros entre as persoas e non se garanta unha ventilación axeitada.

ÁMBITOS LABORAL Y EDUCATIVO

No que atinxe ao ámbito laboral, sen prexuizo do indicado polos servizos de prevención de riscos laborais, recoméndase o seu uso ao persoal traballador vulnerable e cando non se garanta a distancia de seguridade de 1,5 metros e a ventilación adecuada.

Polo que se refire ao ámbito educativo, mantense a obrigatoriedade do uso da máscara no transporte escolar agás as excepcións antes sinaladas de ser menor de seis anos ou de presentar dificultade respiratoria ou de discapacidade sen autonomía para quitala.

Así mesmo, o departamento sanitario da Xunta recomenda o uso da máscara, con carácter voluntario, ao alumnado e ao persoal traballador dos centros educativos, e, tamén, aos empregados e visitas dos centros de educación especial que dispoñan de servizo de residencia. Tamén se recomenda o seu uso aos casos sospeitosos e confirmados de covid e contactos estreitos de casos.

En calquera caso, lémbrase a recomendación xeral de non asistir ao centro educativo se a sintomatoloxía inclúe cadros febrís.

Directrices sobre o uso das máscaras en Galicia