sábado. 05.10.2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e os conselleiros de Sanidade e de Cultura, Educación e Universidade, Julio García Comesaña e Román Rodríguez, informaron hoxe sobre os protocolos sanitarios nos que a Xunta de Galicia está traballando para que os concertos, festivas e verbenas poidan volver a celebrarse de xeito seguro nun momento clave como o Xacobeo 21-22 e con aforos de entre 1.000 persoas de pé e 5.000 sentadas que poderán chegar ata os 10.000 asistentes en función das características do recinto.

Trátase de pautas específicas sobre as que a Administración autonómica traballa en colaboración cos profesionais do sector. Así, por unha banda estanse deseñando directrices para espectáculos con baile ao aire libre de afluencia media, con máximo de 1.000 persoas de pé, e, por outro lado, avánzase en medidas para os grandes espectáculos cunha maior afluencia de público, como concertos ou festivais de maior formato.

Co fin de ofrecer certezas a organizadores, público e traballadores, actualmente estanse a tratar diferentes aspectos como a posibilidade de consumir comida ou bebida, pero en todos os casos o uso da máscara será obrigatorio e deberán cumprirse as distancias de seguridade de, polo menos, 1,5 metros e de 5 metros entre o escenario e o público. Os asistentes terán á súa disposición dispositivos de xel hidroalcohólico ou desinfectantes nos puntos de entrada e saída así como nos aseos.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que o Xacobeo 21-22 servirá de elemento vertebrador para impulsar o crecemento das industrias culturais e posicionar a imaxe da marca Galicia como sinónimo de calidade. Por iso, incidiu na aposta do Goberno galego por recuperar a confianza do público na asistencia a espectáculos que contarán con todos os protocolos necesarios para desfrutar de eventos seguros.

Así, engadiu que o Goberno galego leva tempo traballando para ofrecer a turistas e peregrinos un destino seguro, como se promocionou estes días en Fitur, cun Xacobeo con moitos actos descentralizados por toda a xeografía galega. Neste senso, destacou que medidas como o seguro coronavirus, dotado con 1,4 millóns de euros, contribuirán a recuperar a confianza dos viaxeiros para escoller Galicia neste Ano Santo Dobre, que supón unha oportunidade histórica para a reactivación da economía e do sector cultural.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola súa banda, expresou que estes protocolos supoñen un paso máis “de cara a unha futura situación de postpandemia”. “Estamos afeitos xa ás distancias, aos aforos mais reducidos, a hixiene de mans, ás máscaras, pero é necesario unha desescalada gradual e paulatina, en todos os ámbitos, tamén no da cultura”, afirmou.

Do mesmo xeito, salientou que a situación “é mellor” e que debemos aproveitalo “pero sen poñer en risco a nosa saúde a dos demais”. A este respecto, puxo en valor o traballo feito pola Dirección Xeral de Saúde Pública en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade nuns protocolos que fagan compatible os eventos culturais “con esta convivencia que temos que ter, todavía, co virus da covid; porque hai que lembrar que, aínda que xa temos mais de 600.000 galegos e galegas inmunizados, é necesario seguir atentos” destacou antes de que engadir que Galicia “é un destino seguro preparado para seguir dando pasos de cara a esa nova normalidade e desfrutar da cultura, do Xacobeo e do turismo”.

Como expresou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, son “pautas dialogadas” froito do traballo conxunto que a Xunta leva mantendo desde o inicio da pandemia cos representantes destes sectores e que permitirán “achegar certezas tanto aos organizadores, como aos asistentes e os traballadores que fan posible a posta en marcha dos eventos con seguridade e as máximas garantías”.

Demostran, ademais, que Galicia “pode seguir gozando da cultura dun xeito seguro” e suporán un impulso “para reactivar pouco a pouco estas celebracións tan importantes para a nosa cultura, máis necesaria que nunca, e sobre as que tamén teñen detrás un importante tecido empresarial que contribuiremos a reactivar”, expresou.

DE GRAN AFLUENCIA

Os espectáculos ao aire libre de grande afluencia, como grandes concertos ou festivais, poderán acadar un aforo de 5.000 asistentes e o público deberá permanecer sentado. En función das características do recinto, poderá elevarse ata as 10.000 persoas. Poderanse celebrar nos concellos cunha baixa incidencia acumulada nos últimos 14 días e co aforo máximo ao 50% da capacidade. Serán sempre en espazos ao aire libre, acoutados e limitados, de xeito que só se poderá acceder polos accesos autorizados. Para evitar aglomeracións, a venda e reserva de entradas realizarase por adiantado e os asentos estarán tamén preestablecidos. Ademais, realizarase un rexistro previo dos asistentes para favorecer o seguimento de posibles contactos en caso de que se rexistre un positivo.

No caso dos espectáculos ao aire libro con baile de afluencia media, como as festas populares con verbenas, orquestras ou concertos con asistentes de pé, a Administración autonómica e o sector traballa nun protocolo cun aforo máximo de 1.000 persoas, aínda que non poderá superar o 33% da superficie do recinto, e sen contacto físico entre non convivintes. O resto das medidas son compartidas cos grandes eventos.

A modo de ensaio, realizaranse cinco probas piloto en cinco concellos diferentes para os eventos de afluencia media con público de pé. Nestes momentos estanse pechando os detalles das probas, pero está previsto que se celebren o 19 de xuño e permitirán que o sector retome a súa actividade e recupere o contacto co público.

Ata 10.000 persoas, en función do recinto, en concertos, festas e verbenas