Pactar pola lingua e a cultura. Xestos e accións

Departamento de Infografía DL-G
Malia as controversias arredor da normativa lingüística, as disputas e os intentos de instrumentalización política, o tecido cultural galego conserva unha notable capacidade para crear comunidade.

O presidente da Real Academia Galega escribiu o pasado 17 de maio, con motivo das Letras Galegas, que é tempo "de acordos xenerosos que impulsen accións eficaces". Non era unha frase retórica, senón un diagnóstico e unha chamada á acción. E merece ser escoitada, porque vén dun organismo que sabe ben que o galego, e por ende a cultura no noso idioma, está a escorrérsenos como auga entre os dedos, por usar a mesma imaxe que Henrique Monteagudo plasmou no seu artigo.

Ese chamamento merece, sobre todo, que o goberno galego o faga seu e o lidere, porque os xestos de acordo que reclama a RAG non nacen sós. O eido da cultura e o idioma son fundamentais para definir que somos e que queremos ser. A nivel político, tamén teñen demostrado ser espazos con relativa capacidade de resistencia fronte ao nivel de crispación que corroe a sociedade española.

Malia as controversias arredor da normativa lingüística, as disputas e os intentos de instrumentalización política, o tecido cultural galego conserva unha notable capacidade para crear comunidade. Ao redor dun libro, dunha obra teatral, dun festival ou dun proxecto educativo, persoas de sensibilidades moi distintas seguen sendo capaces de colaborar, dialogar e recoñecerse mutuamente. E non é casual: a cultura obriga a escoitar antes de reaccionar. Unha novela non funciona como un mitin. A arte admite contradicións onde a política só ve problemas e enfrontamento aberto. Que iso ocorra nun territorio onde lingua e cultura están tan ligadas á identidade colectiva non é un feito menor.

Como sinalou o presidente da RAG, esa sintonía social cara ao galego existe e é real. O que falta é que se traslade ao ámbito político. E aquí hai que ser claros: a responsabilidade non é simétrica. Quen goberna ten máis capacidade de facer o xesto e máis obriga de dalo. A Xunta de Galicia, como goberno autonómico, é quen está en mellores condicións de liderar ese paso. Non se trata de rendición nin de imposición: trátase de recoñecer que certos movementos políticos só son posibles desde o poder, e que o poder ten a obriga de usalos ben.

Hai eidos concretos onde ese entendemento é non só necesario, senón imaxinable. Un pacto autonómico integral en favor da lingua galega, subscrito por todas as forzas con representación parlamentaria, sería un sinal claro de que o idioma pertence á cidadanía e non a ningún partido. A Lei do Libro e da Lectura de 2006 quedou en aplicación parcial durante dúas décadas. Hoxe e non mañá é o momento de abordar un proxecto de lei completo, adaptado ás novas realidades sociais e tecnolóxicas e dotado con todos os recursos necesarios para o seu desenvolvemento: un proceso lexislativo que debe levarse a cabo coa implicación de partidos e sectores económicos e sociais sería en si mesmo un exercicio de madurez democrática. E igualmente, Galicia precisa un compromiso común de preservación do seu patrimonio cultural material e inmaterial, que garanta a continuidade das políticas públicas alén dos cambios de goberno. Todos estes ámbitos de acordo demostrarían que existen prioridades por riba da competición electoral, e prioridades que son, ademais, un mandato estatutario que incumbe a todos.

Ningún destes consensos é utópico. Todos requiren, iso si, que alguén dea o primeiro paso sen esixir reciprocidade inmediata. Esa é a definición de xenerosidade política. Porque un sistema democrático debe crear comunidade antes ca bloques e compromiso de país antes ca trincheiras. O presidente da RAG xa dixo en voz alta o que moitos pensamos. Agora falta que a Xunta, como institución de todos os galegos, estea á altura do que a propia sociedade está a pedir. Os consensos non nacen sós. Alguén ten que tender a man primeiro.