Os libros que vostede non pode ler

Departamento de Infografía DL-G.
Cada ano chegan ás librarías novos títulos, premios e presentacións. Todo iso é necesario; ningunha literatura pode vivir sen renovarse. Porén, cando o inmediato é o único criterio, os libros desaparecen cunha rapidez sorprendente. Primeiro abandonan os escaparates. Despois, os andeis. Finalmente, as conversas.

Un dos mellores novelistas galegos do século XX leva décadas fóra das librarías, e case ninguén o botou en falta: Silvio Santiago. A súa biografía condensa as experiencias fundamentais da Galicia contemporánea: o galeguismo, a guerra, o exilio e a vontade de reconstruír o país desde a distancia. Foi un escritor tardío, pero ten no seu haber dúas das obras narrativas máis importantes do tardofranquismo e da Transición. Publicou a primeira, Vilardevós, en 1961, cando estaba a punto de cumprir os sesenta. Da memoria da Guerra Civil naceu O silencio redimido, aparecido en 1976, dous anos despois da súa morte.

Esta desaparición non é casual. Responde a un problema endémico do noso sistema literario: moita atención a publicar novidades e un esquecemento manifesto á hora de reeditar. E así, sen ruído, obras esenciais acaban por se converter en pezas arqueolóxicas. Non só as de Silvio Santiago: as de moitos outros autores corren a mesma sorte. O exemplo de Anxo Rei Ballesteros é elocuente: Loaira, que algúns consideran a mellor novela galega do século, permaneceu tres décadas inatopable, ata que en 2023 o traballo filolóxico de Manuel Castelao devolveuna aos lectores. Pero ese rescate é a excepción, non a norma. E convén non enganarse: que un título figure como «dispoñible baixo demanda» ou nunha colección pechada dun xornal é outra forma de ausencia. Coa poesía temos idéntico panorama: é unha odisea conseguir os poemarios de poetas dos anos oitenta coma Lorenzo Baleirón, López Ardeiro, Fiz Vergara ou Ramiro Fonte. E nin sequera é cousa relativa aos finados: hai autores en plena actividade —poetas tan recoñecidas como Helena Villar Janeiro ou Eva Veiga, por citar só dous nomes— dos que resulta case imposible atopar boa parte da súa obra máis temperá.

Cada ano chegan ás librarías novos títulos, premios e presentacións. Todo iso é necesario; ningunha literatura pode vivir sen renovarse. Porén, cando o inmediato é o único criterio, os libros desaparecen cunha rapidez sorprendente. Primeiro abandonan os escaparates. Despois, os andeis. Finalmente, as conversas.

Por suposto, este non é un mal exclusivamente noso, pero hai unha diferenza clave. As grandes literaturas dispoñen de redes que sosteñen os seus clásicos —universidades, mercado, traducións, libros de peto—; unha cultura de dimensións reducidas como a galega carece desa malla de seguridade, e o que sae dos catálogos editoriais cae case sempre no esquecemento. Por iso, aquí, a reedición non é un luxo: é unha necesidade. As obras fundamentais só perduran se permanecen dispoñibles para as vindeiras xeracións: lidas, discutidas, reinterpretadas e, sobre todo, postas en diálogo co presente. Sen ese proceso, a tradición convértese nun museo ou en materia inerte das aulas. E as literaturas non viven nos museos nin nos centros de ensino, por importantes que sexan. Viven nos lectores.

Poderase obxectar que, no caso galego, as vendas non xustifican a reedición. Pero existe unha saída, por moito que esixa fixar criterios e financiamento: un selo editor de carácter nacional que compense os autores ou os seus herdeiros, e tamén as súas editoras de referencia.

Falamos arreo de memoria cultural e poucas veces nos preguntamos se os libros do noso acervo seguen ao alcance dos lectores. Celebramos aniversarios e organizamos homenaxes, pero esquecemos o esencial: garantir que as obras sigan circulando. Unha literatura non se constrúe só cos libros que publica, senón tamén cos que decide non esquecer. Teño a sensación de que, neste país, coma sempre, conmemoramos mellor do que lemos.