Libros guillotinados
Hai uns días un xornal nacional informaba que algunhas das empresas máis poderosas de intelixencia artificial están mercando a milleiros libros de vello por todo o mundo. Esgotados ou xa non dispoñibles a maior parte dos textos da rede, as grandes tecnolóxicas necesitan o coñecemento e o vocabulario das obras do pasado para adestrar eficazmente a IA. Os exemplares son desencadernados e guillotinados para acelerar o proceso de dixitalización. Posteriormente pasarán á reciclaxe. É outro xeito de dicir que un número inmenso de libros está a desaparecer sen deixar rastro. O que importa xa non é o obxecto, senón os patróns de distribución verbal, o dato puro agochado entre todas esas follas desmembradas.
Un escáner entra no libro para engulir o seu contido, pero é cego ante a pequena xeografía do humano atrapada ás veces nas páxinas. Calquera que teña frecuentado unha librería de vello sabe que, ao abrir un exemplar, podemos atopar unha dedicatoria trazada a tinta verde en 1942, unha fotografía en branco e negro, un calendario de man, dúas entradas de cine ou unha liña escrita a lapis nunha marxe. A máquina procesa a obra completa en segundos, pero non ten a máis mínima idea de por que alguén gardou ese papel nin quen foi a persoa que sostivo ese libro entre os seus dedos.
Tampouco nós o sabemos. A Torrente Ballester preguntáronlle unha vez de onde lle viña a inspiración para escribir. Pasou unha muller diante da cristaleira da cafetería e Torrente sinalouna co dedo: «Mire: ahí va una novela». Un libro usado produce esa mesma intuición. Abrímolo, cae unha entrada de cine para dous coa data esvaída de hai medio século e xa comeza unha novela. Nunca saberemos se foi unha primeira cita, unha despedida ou unha tarde calquera. Pero esa ignorancia é precisamente o espazo no que a imaxinación empeza a traballar.
É a mesma curiosidade que nos asalta cando viaxamos de noite nun tren e vemos iluminada, durante un segundo escaso, a fiestra dunha casa á beira da vía. Unha mesa acesa, un home e unha muller sentados fronte a fronte charlando sen présa. A escena desaparece devorada pola velocidade e nunca saberemos de que falaban nin quen habitaba esa luz. Pero esa imaxe fugaz abonda para que a nosa mente busque completar os ocos da penumbra. Quizais a literatura naceu precisamente aí, no lugar exacto onde a realidade queda interrompida e só queda espazo para a imaxinación.
O texto impreso dun libro di algo; pero esa entrada de cine esquecida entre as páxinas, ademais, ten unha continuidade física. Alguén puxo a quentura da súa man sobre ese papel e agora está na miña. Poden mediar décadas, cidades que mudaron e sombras que xa non existen, pero o fío material permanece, igual que permanecen esas páxinas que desde a librería, ao mercalas, pasan a ser parte doutra vida, a nosa.
A intelixencia artificial busca nos libros de vello o feixe de datos aproveitable. O ser humano atopa neles a fenda, o rastro e a fabulación. Un algoritmo precisa entender todo para procesar unha resposta; a nós abástanos algo esquecido no interior desas páxinas para empezar a soñar. Como lembraba Álvaro Cunqueiro, o home é un ser que precisa do soño para completar o obradoiro do mundo, desa capacidade inalienábel de soñar e inventar a realidade cando a existencia queda curta; o abraio de atopar unha entrada de cine usada entre dous capítulos e esquecer a trama do libro para preguntármonos que fermoso misterio acontecía fóra mentres alguén intentaba ler esas liñas.