"Eu non quería morrer alá"
Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos son, por riba de todo, inocentes.
A primeira gran obra literaria europea, a Ilíada, non empeza realmente narrando a cólera de Aquiles nin a guerra de Troia. Comeza cunha epidemia. Homero abre o poema coa peste que un ofendido Apolo lanza como frechas contra os gregos. Antes dos heroes, da gloria e das batallas, o que se pon ante os nosos ollos no poema é a vulnerabilidade dos corpos.
A literatura sobre a enfermidade adoita moverse entre dous extremos: o social e o individual. Homero amosa o impacto no exército grego, pero apenas se detén no sufrimento concreto de cada soldado. Co paso dos séculos, a creación narrativa buscaría outros camiños.
Resulta curioso que unha terra marcada historicamente pola emigración, a pobreza e a mortalidade non producise unha gran novela sobre unha epidemia que ocupe un lugar comparable ás de Defoe ou Camus. Ambas, traducidas tamén á nosa lingua, serven ao seu xeito para iluminar episodios históricos que a memoria colectiva tende a esquecer, como as recurrentes pestes da Idade Moderna ou a Gripe Española de 1918. Nesta pandemia houbo en Galicia, igual que no resto do mundo, cidades paralizadas, confinamento, escolas pechadas, hospitais desbordados e unha atmosfera de medo colectivo que hoxe nos resulta, desde o aciago 2020, inquietantemente familiar. Na cidade de Vigo morreron centos de persoas; na provincia de Lugo, milleiros. Todo iso ocorreu hai pouco máis dun século. Apenas queda lembranza daquela traxedia. Permanece nas hemerotecas, pero non nesa continuidade emocional e colectiva que ofrece a literatura.
Pola contra, os clásicos galegos teñen afondado moito na conciencia da fraxilidade humana ante a enfermidade, máis ca no aspecto social ou epidémico. Rosalía ofrece unha nómina ampla de corpos cansos, de doenzas sen nome, de mortes prematuras e de pobreza entendida como desgaste físico. En Blanco Amor, especialmente en A esmorga, a febre, o alcohol, a sucidade e a degradación corporal convértense case na metáfora dunha sociedade enferma. Mesmo en Cunqueiro, tan asociado ao fabuloso, aparecen constantemente médicos, boticarios, menciñeiros, remedios imposibles e corpos vulnerables, sempre temperados polo humor suave e o optimismo irredutible do mindoniense. Castelao, que volveu exercer a medicina durante a vaga de Gripe Española, comprendeu seguramente mellor ca ninguén que detrás de cada epidemia hai seres concretos atravesados polo medo e pola soidade. Hai unha estampa súa de Cousas da vida (1924) que contén, concentrada, o universo dunha novela e que ademais amosa a mirada profundamente compasiva do autor. Un home novo, macilento e consumido, no leito, está a lle dicir a súa nai, desfeita de dor: -«Eu non quería morrer alá, sabe, miña nai?».
Nesa frase está todo. Está o fracaso vital da emigración e da pobreza, pero tamén algo máis profundo: o medo a morrer lonxe dos nosos, sen unha voz coñecida, sen un rostro humano ao lado. As epidemias pasarán, como pasaron tantas. Virán outras e tamén acabarán desaparecendo. O perigo é que coa distancia vaia marchando tamén a compaixón. Acabámolo de ver co hantavirus. E talvez a literatura sirva precisamente para impedilo: para lembrarnos que detrás de cada alarma sanitaria hai sempre unha persoa vulnerable pedindo, simplemente, un pouco de humanidade.