Como se herda un país?
Cando comezamos a habitar un país, recibimos con el unha lingua, unha memoria e unha forma de entender o mundo. Tamén, de maneira menos visible, as institucións que fan que esa cultura continúe viva. A identidade dun pobo mídese por aquilo que unha xeración é capaz de crear, pero asemade, polo que consegue transmitir nese pasar do tempo e da historia.
Os romanos tiñan un termo, proletarius, para designar a quen carecía de bens materiais e só podía contribuír á comunidade a través da súa prole, a súa descendencia. A continuidade do Estado romano asegurábase por dúas vías: o sangue ou o legado patrimonial. Esta vella distinción clásica revélase como unha ferramenta útil para entender a supervivencia de Galicia: a cultura viaxa a través dos fillos, mais é a través da creación dun patrimonio público que perdura cando os seus creadores xa non están entre nós.
Se ollamos a nosa historia recente, descubriremos unha coincidencia significativa e curiosa. Unha serie de nomes fundamentais do século XX, piares do imaxinario cultural que hoxe nos sostén —Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Fermín Penzol, Antonio Fraguas, ou a parella formada por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda—, non tiveron descendencia directa. A lista pode ampliarse. Alén da intimidade de cada biografía e do respecto ao espazo privado da persoa, o que adquire unha relevancia pública incuestionable é a decisión consciente que todos eles tomaron sobre o destino do seu legado. Sabían que a continuidade da cultura galega dependía de poñer en valor o seu patrimonio. A obra escrita era imprescindible; no entanto, tamén o era garantir que os seus libros, arquivos e bibliotecas permanecesen ao servizo do futuro de Galicia.
Adóitase dicir, con lixeira condescendencia lírica, que a falta de fillos, estes intelectuais deixaron lectores. A imaxe é fermosa, pero resulta curta. Os lectores, sen dúbida, manteñen vivo o alento dun libro, pero son as institucións as que deben garantir que eses textos sigan a estar dispoñibles en calquera tempo e lugar. A verdadeira estratexia dese galeguistas non foi buscar unha descendencia simbólica a través da súa lectura, senón algo cando menos igual de importante: artellar unha rede de espazos onde o seu traballo seguise a dar froito e facer país.
As vindeiras Letras Galegas de 2027, dedicadas a Xosé Neira Vilas, ofrecerannos a oportunidade perfecta para reparar nesoutra dimensión do escritor: a da súa xenerosidade. Neira entendeu que o compromiso intelectual non remata na última páxina dun libro. Tras voltar a Galicia, el e Anisia Miranda tomaron a decisión de fixar as bases materiais do seu legado, e fixérono á mantenta fóra dos centros urbanos tradicionais.
A Fundación Neira Vilas, creada en Gres (Vila de Cruces) en 1993, non foi un simple xesto simbólico. Foi a decisión consciente de converter unha vida enteira nun instrumento ao servizo da memoria colectiva. Igual que os galeguistas da xeración anterior, souberon ver que o que gardaban na súa casa non era da súa propiedade, senón algo que pertencía a algo maior ca eles mesmos.
2027 vainos ofrecer unha magnífica oportunidade para volver sobre a obra de Neira Vilas. A efeméride tamén debería servir para lembrarnos que Xosé Neira e Anisia Miranda pertencían a un contexto histórico, intelectual e vital que entendía que escribir libros non abondaba, senón que era fundamental asegurar condicións de continuidade digna para unha cultura. Conxugar un futuro e entender que un país é, de moitos xeitos, unha herdanza compartida. Prole ou patrimonio, velaí tamén está a nosa responsabilidade cidadá.