Viva a radio!

Visto o que pasou o luns coa caída da rede eléctrica, hai que facerse cunha radio con pilas como as de antes para saber que está pasando.

Visto o que pasou o luns coa caída da rede eléctrica, hai que facerse cunha radio con pilas como as de antes para saber que está pasando.

Sobre as once tiven que substituír o que estaba a facer teletraballando polo estudo dun documento en papel que tiña pendente, pois ao chamar á oficina dixéronme que estaban igual. Outras veces a desconexión tíñase producido porque alguén moveu sen darse conta o cable do meu ordenador na oficina; bastando chamar para que o puxeran ben e solucionar rapidamente o asunto.

Pola tarde, ao chegar á casa do meu profesor de inglés en Galeras, Michael estaba esperándome no portal; cousa que agradecín porque de non ser así non tiña podido entrar no edificio.

A clase tivémola nun banco xunto o Sarela, despois de propoñer eu ir a un bank baixo a sombra, dicíndome Michael que banco en inglés era beanche. Na conversa contoume que a caída de electricidade -eu estaba bastante en off- pasou en España, Portugal, Francia, Italia e Alemaña; e falamos da posibilidade de que fora obra de Putin polo apoio de Europa a Ucraína. 

O parque que hai detrás de Galeras xunto o Sarela estaba repleto de familias con cativos, xogando nas randeeiras, tobogáns e a pista de futbito. Outros estaban con bolsas de plástico no río, tentando coller algún peixe. Tamén había universitarios tombados na herba gozando do sol.

Sorte que despois de falar do que estaba a suceder xa o vimos en novelas e películas apocalípticas, Michael engadiu que escoitou que todo se solucionaría sobre ás oito da tarde. Isto calmoume un pouco, despois de pensar no que podía pasarlles a quen no momento do apagamento estaban en ascensores, metros ou trens. A máis, non funcionaban os semáforos, os caixeiros nin as neveiras e a maioría dos supermercados tiñan pechado, podendo perder toda a alimentación.

Pola noite puiden tirar da vela que me deron en Pascua na misa e, ao levantarme ás cinco para ir ao lavabo, seguíamos sen luz!

Ao soar o espertador ás sete, por sorte, todo estaba normalizado; aínda que ao chegar ao traballo contáronme que o apagamento foi só en España e Portugal e que quen tiñan unha radio con pilas puideron seguir todo o que sucedía a tempo real sen problema.

O nivel de desinformación que tiven durante esas horas foi absoluto, pois ao principio, erroneamente, crin que o problema estaba a afectar a media Europa. Aínda que ver a ledicia dos cativos xogando e a tranquilidade das persoas coas que me atopei, transmitiume serenidade.

 

Iso si, como meigas habelas, hainas e o apagamento podería repetirse, o mellor que podemos facer quen no seu día nos desprendemos da nosa fiel radio de pilas, é mercar outra rapidamente canto antes, non si?