No cumio Global Progressive Mobilisation de líderes de distintos países que tivo lugar en Barcelona a mediados deste mes, houbo unha defensa do dereito internacional fronte á tentación cada vez máis frecuente de elixir a guerra como alternativa á política exterior.
A máis criticouse a contradición consistente en que mentres medra o gasto en defensa, retrocede a cooperación ao desenvolvemento; e mentres o gasto en defensa sube a un nivel cada vez máis alto, a axuda para combater a pobreza no mundo está a reducirse nun 25%.
Este enfoque non é novo, pois a ONU fíxoo seu anteriormente. Como no 2015, no que propuxo dedicar anualmente o 0,3 % do Produto Interior Bruto global para acabar coa fame no mundo.
Na Campaña 2026 Declara a guerra á fame de Mans Unidas dinse o mesmo, lembrando como os conflitos violentos reverten de súpeto décadas de progreso, abrindo as portas á pobreza de novo.
Así como a taxa de pobreza nos países afectados pola guerra é do 35%, nos que hai paz é do 11%. E mentres o gasto militar mundial alcanzou un récord de 2,7 billóns de dólares, o gasto en construción de paz apenas supuxo 47.200 millóns, representando o 0,52% do gasto militar global.
Vivimos nun mundo cada vez máis violento, pois hoxe hai 78 países involucrados en conflitos máis alá das súas fronteiras e 59 conflitos armados activos no mundo; a cifra máis alta dende a Segunda Guerra Mundial.
Segundo o último Informe do Estado da seguridade alimentaria e a nutrición da ONU, entre 638 e 720 millóns de persoas padeceron fame no 2024 (en torno o 8,3% da poboación mundial); sendo a desigualdade crónica, os conflitos e as crises climáticas os seus principais impulsores.
A necesidade de dar un golpe de temón é clara pero non vai ser doado facelo, pois a influencia do lobby armamentístico é moi grande. A defensa dos dereitos humanos e da dignidade de cada persoa é máis urxente que nunca, nun momento en que parece que “vale todo” con tal de gañar poder e enriquecerse.
Os auténticos líderes son os que promoven a paz e o desenvolvemento económico e social sen deixar a ninguén atrás. Non respectar a soberanía dos demais países acaba por volverse en contra do agresor, pois quen xera violencia e inxustiza -antes ou despois- tamén acabará sufríndoas.
