As costuras da ONU

Ilustración DL-G.
Despois de ver os millóns de mortos que ocasionou a Segunda Guerra Mundial -a maioría civís- a comunidade internacional quedou arrepiada; buscando fórmulas para deter aos Estados que incumprían os dereitos declarados na Carta das Nacións Unidas e, polo menos, quedaran retratados ante os ollos de todos.

A creación da ONU en 1945 e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948 supuxo un avance histórico na procura da preservación da paz. Se ben non conseguiu evitar as guerras nin que seguiran sen respectarse os dereitos humanos en moitos Estados, grazas a ela abriuse un importante espazo de dialogo entre todos por moi diferentes que foran.

Despois de ver os millóns de mortos que ocasionou a Segunda Guerra Mundial -a maioría civís- a comunidade internacional quedou arrepiada; buscando fórmulas para deter aos Estados que incumprían os dereitos declarados na Carta das Nacións Unidas e, polo menos, quedaran retratados ante os ollos de todos.

A Carta busca previr as ameazas á paz por medios pacíficos, posibilitando suspender as relacións económicas, de comunicación aérea, naval ou terrestre e as diplomáticas; así como restablecer a paz a través de bloqueos e operacións militares nos casos máis graves.

Actuar deste xeito, promovendo a multilateralidade, ten unha gran importancia, dado que nela están integrados 193 Estados que representan a case todos os países. E todo isto, como recolle a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, partindo da base de que estes son constitutivos -inherentes a cada persoa- e non dependen de que sexan proclamados ou non polos Estados.

A diminución da influencia da ONU para mediar nos conflitos, como os de Gaza, Ucraína ou Sudán, está a descoser as súas costuras.

Como dixo o Secretario Xeral da ONU, António Guterres, no discurso que pronunciou ante a Asemblea Xeral para 2026, estamos nun mundo desbordado de conflito e imprevisibilidade. A Carta é a base do cimento da paz e das relacións internacionais e vincúlanos a todos, sendo obrigatoria en todo o seu conxunto e non como se fora un menú á carta.

Cando a multilateralidade, como está a suceder, desaparece, impera a lei do máis forte; xerando impunidade para uns e inxustiza, desprotección e bágoas para outros. Por isto é necesario volver a coser as costuras da ONU, reformando o que quedou obsoleto, como por exemplo o dereito de veto que poden exercer os cinco membros permanentes do Consello de Seguridade, que lles permite evitar a aprobación de calquera resolución substantiva que lles prexudique. Sen iso, os países máis fortes -como China, Rusia e EEUU- na práctica acaban repartíndose as zonas do mundo segundo os seus intereses; ameazando a soberanía ou atacando a outros -como Taiwán, Ucraína ou Groenlandia- sen inmiscirse no que sucede nas zonas que non lles afectan.