A estrela de Belén

ChatGPT Image 24 dic 2025, 16_58_18
Á estrela encántalle recordar a viaxe que fixo hai dous mil anos porque, de ter saído mal, os Reis magos non tiñan chegado á cova e o Neno tíñase quedado sen os seus agasallos.

Cando estes días volvemos a ver estrelas iluminadas nas nosas rúas, o noso espírito énchese de ledicia e bonhomía; e a estrela de Belén, aínda que ninguén o saiba, únese a elas lembrando con orgullo a difícil viaxe que realizou.  

Á estrela encántalle recordar a viaxe que fixo hai dous mil anos porque, de ter saído mal, os Reis magos non tiñan chegado á cova e o Neno tíñase quedado sen os seus agasallos. A máis, a ledicia na cova non tiña sido universal pola ausencia de representantes do afastado Oriente e das galaxias que nos arrodean.

Cando a estrela recibiu a súa misión quedou tan asustada que estivo a punto de renunciar. Pero, non se sabe moi ben por que, acabou aceptando.

A proposta non podía ser máis desatinada. Como ía a guiar a tres Reis que saían de sitios distintos a un lugar chamado Belén, que descoñecía? E, encima, tiña que orientalos sen que ninguén máis se decatara, agás eles e o seu séquito.

Por sorte para ela, despois de semanas de guiar a cada Rei pola súa ruta, xuntáronse; o cal facilitoulle bastante as cousas. A partir de entón, polo menos, non tivo que se mover dun lado a outro, multiplicando quilómetros dun xeito esgotador.

A mensaxe que recibiu preto de Xerusalén para que desaparecera de súpeto non lle gustou nada porque só quedaban dez quilómetros para chegar, aínda que cando os Reis volveron a poñerse en camiño con ela de novo en fronte recuperou a ledicia.

Durante a súa viaxe a estrela non sabía que ía a pasar en Belén; aínda que ao ver aos anxos, os pastores e os seus amigos os Reis adorando ao Neno Deus na cova, albiscou que era algo moi grande.

Só trinta anos despois, ao contemplar o que facía o Neno de maior, caeu na conta de quen realmente era.

Velo dende arriba curando doentes, resucitando mortos e calmando tempestades era alucinante; e a súas mensaxes de querer a todos deixando atrás as guerras, a inxustiza e a fame, e conxugar o “tu” e o “nós” sen medo, podía inaugurar unha nova era.

Aínda que para os outeiros de Galilea parecía que non tiña cambiado nada, para a estrela de Belén tiña cambiado todo. E, por iso, cada Nadal volve a recorrer o firmamento enteiro para que poidamos descubrir o seu valioso segredo.

Bo Nadal e 2026 a todos e todas da súa parte!