Xornalismo
En menos de dúas semanas acaban de morrer tres grandes xornalistas. Dous deles, famosos en toda España: Fernando Ónega e Raúl del Pozo. O outro, coñecidísimo e ben querido en Vigo a súa contorna: Fernando Franco.
Os seus pasamentos non son só as mortes de tres xornalistas de raza, senón tamén a morte do mesmo xornalismo: dun certo xeito de entender este oficio –o mellor e o máis xenuíno–, que xa non volverá. Eles cultivaron o xornalismo “cando o xornalismo aínda se parecía o xornalismo” (e descúlpenme tanta repetición, pero creo que neste caso ten un valor expresivo imprescindible), en palabras do académico Arturo Pérez-Reverte nun artigo que publicou en XL Semanal hai case catorce anos e onde evocaba unha maneira de exercer esta profesión que, como digo, xa desapareceu e que os tres xornalistas que nos acaban de deixar encarnaron moi ben.
Coas mortes de Ónega, Del Pozo e Franco non só choramos estes tres mestres, senón tamén o propio xornalismo, ese que, segundo dicía Pérez-Reverte no seu artigo, “noutro tempo foi o oficio máis fermoso do mundo”. Noutro tempo.
Na súa columna, o académico lembraba “os dous personaxes aos que máis podía respectar un xornalista novo” nos vellos bos tempos: “O corrector de estilo e o redactor veterano”. Onega, Del Pozo e Franco morreron despois de personificar durante moito tempo ese redactor veterano que inspiraba os novatos, contaxiándolles, de acordo unha vez máis con Pérez-Reverte, “o amor polo oficio e a febre que na súa mocidade tivo, e que ao falar agromáballe aínda, malia os desenganos, nas palabras e no sorriso”.
Como ven, o artigo de hoxe fíxomo, en boa parte, o pai de Alatriste, pero remátoo tomándolle prestadas unhas palabras a outro gran xornalista vigués (perdón, de Chapela) –Alberto Barciela–, quen, neste mesmo sitio web, lembrando a Fernando Franco, di que “fixo da observación unha arte e da ironía a súa mellor ferramenta de traballo para explicar Galicia”, e que “entendía que o xornalismo é contar a vida dos demais con respecto e perspicacia”. Ou era.
Descansen en paz estes tres grandes xornalistas. E o xornalismo verdadeiro.