Xenocidio
Teño claro que o que está a acontecer en Gaza non é un xenocidio, pero tanto ten: son matanzas, masacres, crimes de guerra ou de lesa humanidade en que están a morrer milleiros de inocentes.
O que si se está a producir en moitas partes do mundo –en África e mais en Asia– é un xenocidio contra os cristiáns. Un xenocidio do que non se fala, por certo. Nin os medios de comunicación, nin os políticos nin moito menos a xente nas rúas. E non se fala no por casualidade, senón porque aos que adoitan falar destas cousas non lles importa ou, directamente, no lles parece mal. Xa se sabe: cómpre rematar coa civilización xudeu-cristiá. Para a progresía, é a culpable de case todos os males da nosa sociedade.
En España coñecemos ben isto, aínda que moitos xa o esqueceron. En 1936-1939 padecemos a maior persecución da historia contra os cristiáns, meirande mesmo ca as acontecidas durante o Imperio Romano (quero dicir con máis vítimas mortais en tan pouco tempo: máis de sete mil sacerdotes, relixiosos e relixiosas, sen contar os segrares, que sumaron tamén milleiros. E falo só dos que morreron por odio á fe. Por certo que, como escoitei dicir a alguén hai pouco en Internet, a proba de que os mataron por seren católicos e non por seren membros dunha Igrexa corrupta é que nin un só deles abxurou para salvar a súa vida).
Probablemente, o maior e peor xenocidio contra os cristiáns dos nosos días está a acontecer en Nixeria, onde os islamistas levan anos a exterminar católicos e protestantes. Emeka Umeagbalasi, criminólogo, investigador e experto en Dereitos Humanos, vén de denunciar na prensa que no seu país “hai un proxecto para aniquilar a todos os cristiáns e islamizar o país”. Intersociety, a oenegué que dirixe, ten documentado “o asasinato coordinado e sistemático de todo un pobo”. Segundo o investigador, no norte de Nixeria hai uns 40 millóns de cristiáns que “non poden rezar en voz alta” porque é perigoso. “Fano en segredo, de noite. Ninguén atrévese a confesar abertamente a súa fe. Se o fas, exposte a ser asasinado por blasfemia”, relata. Desde 2015, teñen sido secuestrados uns 250 cregos católicos e outros 350 ministros de diversas confesións cristiáns. E máis de 850 cristiáns seguen cativos en varios campamentos da zona de Rijana, onde máis de cen prisioneiros foron asasinados entre decembro de 2024 e agosto de 2025.
Isto é o que hai: unhas espantosas matanzas de inocentes en Gaza e un calculado e implacable xenocidio contra os cristiáns en moitas partes do mundo. Fariamos ben en denuncialo todo.