Vinte anos de amor

Leo na prensa que o cantante uruguaio Jorge Drexler e a tamén cantante e actriz madrileña Leonor Watling acaban de cumprir vinte anos como parella feliz, e celebrárono intercambiando nas redes sociais senllos post nos que reflicten o seu amor. 

Leo na prensa que o cantante uruguaio Jorge Drexler e a tamén cantante e actriz madrileña Leonor Watling acaban de cumprir vinte anos como parella feliz, e celebrárono intercambiando nas redes sociais senllos post nos que reflicten o seu amor. “Quérote, querereite, quíxente sempre, desde antes de saber que te quería. Feliz aniversario, miña raíña”, escribiu el. E ela: “Grazas por te cruzar no meu camiño. Grazas por quedar ao meu carón. De todas as versións que podía ter a miña vida, nunca imaxinei unha tan marabillosa (e complicada, real, aterradora, bela). Feliz aniversario”.

Cando calquera parella, pero moito máis se son famosos, acada unha marca tan longa de feliz convivencia, é unha alegría e un estímulo para case todos nós. Antes era raro atopar matrimonios ou simplemente parellas felices tan duradeiras no mundo do cinema, do teatro ou da canción (iso que chamamos a farándula), polas particulares características dese cosmos. Por desgraza, hoxe é raro atopalas tamén entre a xente corrente. Por iso sempre me alegrou e estimulou saber que Víctor Manuel e Ana Belén levan xa cincuenta e tres anos de matrimonio des que casaron en Xibraltar en 1972, á marxe de que esa voda non tivese validez en España, ou que Paul Newman e Joan Woodward estivesen casados durante medio século, ata a morte del. E por iso mesmo entrei en shock e ben que o lamentei cando souben que Romina e Albano se separaban despois de trinta anos de matrimonio. Si, precisamos referentes famosos –e tamén cotiáns– para sabermos que se pode amar a alguén de verdade e para sempre.

Volvendo a Drexler e Watling –dos que cómpre aclarar que os seus apelidos estranxeiros veñen de que o pai del é alemán e a nai dela británica (o primeiro apelido da cantante e actriz é realmente Ceballos)–, hai que engadir que ambos os dous borraron os seus posts poucas horas despois de escribilos, quen sabe por que. Talvez pensaron que soaban cursis ou simplemente se arrepentiron de compartiren a súa intimidade nas redes. Unha mágoa, porque creo que, como dicía, reflectían o que semella un amor verdadeiro e podía supor un estímulo para moitos.

En calquera caso, hoxe asombrámonos das parellas que levan vinte (e dez) anos xuntos, pero os que acadan corenta, cincuenta ou sesenta –que, afortunadamente, segue habéndoos– saben ben que o segredo dese “éxito” non é outro que o respecto, a confianza, a comunicación, a axuda, a cesión, o cariño, a paciencia, o perdón, a comprensión, a admiración, o coidado, a empatía e o compromiso mutuos. É dicir, o amor. Porque niso consiste o amor. Non é un sentimento, senón un acto, moitos actos, unha sucesión de actos que o converten nun hábito, unha actitude, un comportamento, un compromiso. O amor é entrega e doazón, e, por suposto, supón sempre un sacrificio. Pode parecernos moi difícil, case que imposible, pero os que temos máis de cincuenta anos coñecemos (ben en presente, ben en pasado) algunha parella que o viviu. Se, por desgraza, non foron os nosos pais (xa non digo nós mesmos), moi probablemente si os nosos avós, uns tíos ou uns veciños.

Parabéns a Jorge Drexler e Leonor Watling. Deséxolles outros vinte anos de amor mutuo. E que nós os imitemos.