Treixadura

A Denominación de Orixe Ribeiro leva uns anos tentando promocionar a ecuación Ribeiro = Treixadura, de maneira que o consumidor interiorice esa identidade e pida nos bares un treixadura no canto dun ribeiro, como pide un albariño en vez dun rías baixas ou un godello en troques dun ribeira sacra, un valdeorras ou un monterrei.

A Denominación de Orixe Ribeiro leva uns anos tentando promocionar a ecuación Ribeiro = Treixadura, de maneira que o consumidor interiorice esa identidade e pida nos bares un treixadura no canto dun ribeiro, como pide un albariño en vez dun rías baixas ou un godello en troques dun ribeira sacra, un valdeorras ou un monterrei.

Cómpre lembrar que os viños do Ribeiro foron no seu día os máis reputados de toda Europa, vendéndose a prezos que duplicaban os dun burdeos, e que o Ribeiro é a rexión vitivinícola demarcada máis antiga da historia, como demostran as súas ordenanzas de 1579, ademais de a primeira denominación de orixe vitivinícola de Galicia. Pero despois entrou nunha grave crise que levou a que o consumidor pasase a identificar o ribeiro co viño mao de barril, é dicir, á atribuírlle unha calidade medio-baixa, cando non má. A cousa agravouse porque coincidiu coa auxe primeiro dos albariños e logo dos godellos. Canto a estes últimos, descubrinos en Santiago de Compostela a finais da década de 1990. Lembro que un grupo de amigos tiñamos o costume de compartirmos unha botella de godello nun dos bares da Raíña. Creo que non me engano se digo que daquela aínda eramos poucos os que coñeciamos e bebiamos os viños desta caste. Desde entón, a súa sona e prestixio teñen aumentado moito, ata o punto de desprazaren en boa medida os albariños. Pero, como en todo, hai opinións moi diversas e teñen tamén os seus detractores. Recentemente, unha compañeira de traballo contoume que non bebía máis viño que godello, pero que un amigo lle dixera que era o viño dos que non lles gusta o viño (ou dos que non saben de viño, non recordo ben).

Volvendo ao que dicía ao principio deste artigo sobre a pretensión da DO Ribeiro de que o consumidor interiorice a ecuación Ribeiro = Treixadura, todo debeu empezar coa campaña publicitaria lanzada en 2023, centrada nun spot audiovisual co lema “Suena bien. Suena a Treixadura. Suena a Ribeiro” dirixido ao público internacional. Pero hai só uns días vin en Vigo unha vala publicitaria cun novo anuncio no mesmo sentido, o que quere dicir que Ribeiro non só non afrouxou nos seus esforzos, senón que os está a reforzar.

Sen entrar no acerto o non da campaña (na web veño de ver unha opinión de 2023 en que alguén a critica por esquecer a esencia plurivarietal da DO e, sobre todo, por se centrar no tipo de uva no canto de salientar a zona xeográfica en que se produce e o seu pasado tan esplendoroso), quero facer unha reflexión persoal desde a miña experiencia como consumidor. Paréceme que aínda queda moito por facer, porque, fóra das vinotecas e dos establecementos especializados, practicamente o cen por cento dos camareiros dos bares non saben de que lles falo cando lles pido un treixadura. Se lles digo que é un ribeiro, cren que se trata dunha marca e axiña responden que non teñen. Xa estou canso de pedilo, porque o único que consigo é xerar certa tensión. O máis triste do asunto (ou divertido, segundo se vexa) é cando acabo pedindo un ribeiro, moitas veces me traen un treixadura.

Conclúo: como dixo Mariano Rajoy, viva o viño e longa vida aos treixaduras, aos godellos, aos albariños e a todos os viños galegos.