Tabernas
Pedra, madeira e viño de barril. Non preciso máis. Para min, iso é sinónimo de tasca, taberna, baiuca (en termos enxebres); no peor dos casos (porque non é exactamente o mesmo), mesón (adaptación do ‘maison’ francés). Aí se inventou a tapa, o petisco, á que despois lle saíu un forte competidor nos pintxos, nacidos nos bares de San Sebastián, esa Donostia á que chaman Donosti porque soa máis fino.
Pero volvamos ás tabernas. Xa quedan poucas. Están a morrer. Se o pintxo subsituíu á tapa (ata certo punto), o bar e ultimamente o gastrobar (ese concepto que non acabo de entender ben en que consiste) están a substituír á taberna. Poida que á tasca de toda a vida lle faltase glamour, pero sobráballe encanto, charme, que din os portugueses, utilizando un galicismo. Encanto popular, enténdese, que, evidentemente, non ten moito glamour.
Na taberna sempre hai (ou había) quen falaba de máis e, sobre todo, demasiado alto. E con palabras non precisamente agradables aos oídos (con bocaladas –palavrões, como din tamén os portugueses– e blasfemias), pero, aínda así, un se atopa a gusto a maioría das veces. Recordo, por certo, unha anécdota sobre isto da que fun testemuña hai uns anos. Aconteceu nunha tasca que aínda resiste a só uns metros da miña casa en Vigo, a un paso das Travesas. Un cliente habitual non deixaba de dicir bocaladas e blasfemias, e outro, mestre xubilado (reformado, que din os portugueses [este artigo empeza a semellar xa unha lección de portugués], berroulle: “Ti onde aprendiches a falar? No inferno?”. Pareceume un comentario moi atinado. Mágoa que á maioría dos que estaban aí non lle fixo pensar. Como moito, algún riu, como rira antes cos palavrões do borrachón.
En fin, este artigo non dá para máis. Pretendeu ser un modesto eloxio das tabernas, pero, se cadra, ficou só en nostalxia delas.
P. D.: Por certo que sempre me encantou o nome da sede da Real Academia Galega: rúa Tabernas, na Coruña, nun edificio que foi casa da escritora Emilia Pardo Bazán. A institución trasladouse en 2022 a unha ubicación temporal no polígono industrial de Pocomaco, mentres rehabilitan integramente o predio, se non entendín mal. Espero que volva a Tabernas. Que o templo da alta cultura galega teña a súa sede nunha rúa chamada así non pode ser casualidade, senón un recoñecemento de que a cultura popular, ágrafa e de tradición oral, está na base de todo.