San Xosé
Tiña ganas de escribir sobre san Xosé. Debín facelo por volta do 19 de marzo, o día da súa festividade, pero non o fixen. Porén, agora, co gallo do 1 de maio, o Día Internacional do Traballo, pero tamén de San Xosé Obreiro, o calendario dáme outra oportunidade, aínda que a data acabe de pasar.
Por certo que co bo de Xosé ten habido unha confusión: non foi (só) carpinteiro, senón un artesán polivalente especializado. Iso é o que significa en realidade “tektón”, o termo orixinal grego co que Mateo describe o santo no seu Evanxeo. Como “tékton” do século I, é moi probable que Xosé traballase tanto a madeira (facendo arados, xugos ou ferramentas agrícolas) como a pedra ou o ferro na construción de casas e mobles. Seguramente, tanto el como Xesús non só traballaban en Nazaret, senón tamén en Séforis, a grande cidade construída a só cinco quilómetros, onde se precisaban obreiros especializados. Foi a capital de Galilea durante o reinado de Herodes Antipas, o rei que mandou matar a Xoán Bautista e en cuxa corte Xesús sufriu burlas e escarnio durante a Paixón. Volvendo a Xosé, a tradición cristiá, a comezar por San Xustino no século II, concretou o termo “tékton” en carpinteiro.
San Xosé é un santo polo que teño unha especial simpatía. Non digo “devoción” porque non son de rezarlle nin de poñerlle velas, pero si simpatía. É lóxico, porque probablemente é o santo máis grande da historia. Que digo “probablemente”!: con toda seguridade, porque o labor que Deus lle encomendou non ten tido parangón. No entanto, é tamén un dos santos máis ignorados ou esquecidos. Precisamente pola súa inmensa transcendencia, o tratamento que adoita recibir é minúsculo. Unha mostra: hai pouco descubrín na casa de miña avoa unha colección antiga de vidas de santos, e entre os preto de vinte nomes que a conformaban, a comezar pola Virxe María, non figuraba Xosé.
Teño para min que San Xosé ten sido o maior privilexiado da historia, porque gozou do inmenso privilexio de convivir acotío con Xesús e María. Como sería a vida nesa familia, nese fogar! Tento imaxinalo, pero non alcanzo a logralo de todo. Xosé debeu de ter a enorme regalía de que Xesús o chamase “abba”, como chamaba tamén ao seu pai celestial, é dicir, “papaíño”. Porque Xesús, ademais de amar a Xosé co amor de Deus (co amor da segunda persoa da Santísima Trindade), de seguro que o amou tamén con amor de fillo, como amou con amor de amigo os seus discípulos ou a Lázaro, María e Marta.
A vida de Xosé con Xesús e María foi un privilexio extraordinario, como digo, e a súa morte, tamén. Só el puido morrer rodeado materialmente de eles. Que morte tan serena e santa! A beata Ana Catalina Emmerick, que tivo outro inmenso privilexio –o de poder ver a vida de Xesús tal e como aconteceu–, cóntanola así: Xosé faleceu apraciblemente, no seu leito, asistido por Xesús e María. María sostíñao nos seus brazos, mentres que Xesús estaba canda o seu peito, e o cuarto encheuse de luz e anxos.
Pero Xosé –home cunha fe inquebrantable en Deus, pero home, ao cabo– tamén sentiría temor. Temor de fallar na súa tremenda misión divina de coidar e protexer a Xesús e María, de que lles pasase algo malo. De seguro que a súa confianza en Deus era inmensa e que sabía que proveería, pero tamén que o faría en boa parte a través del, que estaba chamado a ser un instrumento desa provisión de Deus. E xaora que houbo moitos momentos moi díficiles: o parto de María nunha corte de Belén, a fuxida precipitada a Exipto para que Herodes non matase o neno, a perda de Xesús no templo…
Remato cunhas coñecidas palabras de santa Teresa de Xesús, que lle tiña unha gran devoción a este santo: “No me acuerdo hasta hoy de haberle suplicado nada que no me lo haya concedido. Es cosa que espanta las grandes mercedes que me ha hecho Dios por medio de este bienaventurado santo y de los peligros de que me ha librado, así de cuerpo como de alma; que a otros santos parece que les dio el Señor gracia para socorrer en una necesidad; pero a este glorioso santo tengo experiencia de que socorre en todas, y quiere el Señor darnos a entender, que así como le estuvo sometido en la tierra, pues como tenía nombre de padre, siendo custodio, le podía mandar, así en el cielo hace cuanto le pide”.
Xa ven: segundo Teresa, San Xosé segue “mandándolle” a Xesús no Ceo, como o facía na Terra na súa calidade de pai. Aproveitémolo.