Perdón

Ilustración DL-G.
sorpréndeme escoitar esta reflexión ao fillo de Ussía, a quen non teño precisamente por un “progre”. E dígoo porque esa “boutade” sobre o perdón é propia dos “progres”. Son eles os que a repiten recorrentemente. 

Escoito a primeira entrega de “La Cuota”, o novo podcast de Juan Soto Ivars, Rebeca Argudo e Alfonso J. Ussía, e oio dicir a este último unha “boutade” que repiten moitos: “Al final, la religión católica siempre ha sido un chollo para el pecador. Puedes hacer cualquier barbaridad, que en cinco minutos y con tres avemarías se te ha perdonado”.

Gustaríame ver se o Ussía, o fillo do xenial escritor satírico finado recentemente, sería quen de lle dicir iso á cara a Xesús na cruz xusto despois de que Este falsase así: “Pai, perdóaos porque non saben o que fan”.

En calquera caso, sorpréndeme escoitar esta reflexión ao fillo de Ussía, a quen non teño precisamente por un “progre”. E dígoo porque esa “boutade” sobre o perdón é propia dos “progres”. Son eles os que a repiten recorrentemente. Lóxico, porque un “progre” non ten nada de que pedir perdón, xa que é o seu propio Deus. Ser “progre” consiste precisamente niso: non crer en ningunha moral allea a un mesmo. El dáse a súa propia norma moral, a que lle convén en cada caso. A famosa “superioridade moral” do “progre” consiste niso, en crerse moralmente perfecto. Un “progre” nunca dirá iso tan manido de “é mellor pedir perdón que pedir desculpas”.

Pero, á marxe diso, o que di Ussía denota unha absoluta ignorancia sobre que é o perdón e, xa que logo, o amor, porque o perdón non é máis ca o reverso do amor.

O perdón, por suposto, non ten nada que ver coa famosa tolerancia, precisamente un dos tópicos máis queridos polos “progres”. Estes enchen a boca coa tolerancia porque tolerar é asumir a carta de natureza da “progresía”: cada un é o seu propio Deus e, xa que logo, pode facer o que queira. Por iso temos que tolerar todo e a todos. É o triunfo do relativismo.

Mais o perdón é amor, como digo. E o amor é ofrenda e sacrificio. Isto pódeslle soar demasiado cristián, pero xa o dicía Aristóteles, para quen o amor era a procura activa do ben do outro en canto outro. E o ben do outro en canto outro esixe de min, moitas veces, ofrenda e sacrificio. Amar non é só dar, senón darse. Dar todo o que un ten e é: o seu tempo, os seus talentos, a súa propia vida. “Ninguén ten amor máis grande ca o que dá a vida polos seus amigos”, dixo Xesús.

E este amor non pode senón perdoar sempre. Principalmente porque todos somos imperfectos e estamos a cometer unha e outra vez non só erros, senón tamén aldraxes. Se non nos perdoásemos uns aos outros, o mundo sería insufrible. Por iso, máis alá do pobre pensamento do “progre”, temos que nos perdoar sempre. “Ata setenta veces sete”, como non ensinou Xesús.