Papá e mamá
Poucas palabras hai na nosa lingua tan fermosas e profundas como “papá” e “mamá”. En calquera lingua, porque, en todas as románicas da nosa contorna –portugués, castelán, catalán, francés, italiano– se din igual, con eses duos fonemas bilabiais repetidos –o /p/ e o /m/–, sen dúbida porque facilitan a súa pronuncia polos nenos. Son dúas palabras preciosas, que en Galicia o pobo aínda mellorou, engadíndolles ese “e” paragóxico tan popular que neste caso se converte en “i” para provocar un ditongo que fai máis doada a súa articulación: “papai” e “mamai”. Penso, por exemplo, no texto dunha das viñetas de nenos máis lembradas de Castelao, chea de inocencia, enxeño e dobre sentido: “Por iso se papai vivise non lle gustaría que mamai casase con outro”, dille un pícaro á súa irmanciña. Duás palabras fermosas, conmovedoras –como digo–, que transmiten ademais tranquilidade, paz, confianza, amor. Non podemos dicilas nin escoitalas sen sentirmos unha sensación plena de benestar emocional e espiritual. Quizais por iso Xesús chamaba ao Deus Creador “Abba”, é dicir, non só “pai”, senón “papaíño”, ou mesmo “papai”.
En realidade existen tres usos destes termos. Primeiro, o que fan os nenos cando se dirixen aos seus proxenitores ou falan deles: “papá”, “miña nai” etc. Segundo, o que fan os propios pais falando cos seus fillos, ben de si mesmos, ben doutro proxenitor: “O papá vaise enfadar”, “Dálle un bico á mamá”. E terceiro, o que fan os pais falando entre eles: o home que lle chama á súa dona “mamá” ou a muller que lle chama ao seu marido “papá”, en presenza dos nenos ou incluso sen eles estaren diante. Gustaríame reparar un chisco neste último uso. Hai moita xente que o critica, dicindo que é unha maneira de “desexualizar” a parella (se se me permite o neoloxismo) e, xa que logo, de matala. Eu coido que non entenderon nada. Nin o que é a parella –o amor conxugal– nin o que é o sexo. O que está claro é que hipersexualizan todo e tamén –e aí é onde eu quería chegar– que odian a familia. Porque me temo que detrás de todo isto o que hai é un rexeitamento frontal da institución familiar, cos típicos argumentos “progres” de que é “patriarcal”, “reaccionaria”, “castradora”, “anticuada” e blablablá. E coidado porque os inimigos da familia son os inimigos da sociedade e do mesmo ser humano, e por fin atoparon a maneira de terminar con eles. Porque a familia sempre foi abeiro e acubillo do home en tempos de crise, pero se é ela a que se atopa nunha situación crítica, como acontece hoxe, entón que faremos? Se o sal se volve insulso, con que se vai salgar?