O odio aos nenos
Leo a páxina de Juan Manuel de Prada no último número da revista XL Semanal e veo que destaca algo que confesa que leu a outro columnista, David Souto, no dixital Brownstone España: atrás da falsificación do Nadal hai odio aos nenos. Si, eu tamén creo que esta sociedade odia profundamente os cativos. Un autoodio, en definitiva; un odio propio dunha sociedade suicida, porque a nenez é o noso destino: se queremos salvarnos (ou ser felices, é o mesmo), non nos queda outra que volver a ser nenos, como dixo Xesús. Ou, expresado doutra maneira, porque o home é o que queda do neno que foi, como repetía a escritora Ana María Matute. Segundo apunta Prada, no seu artigo en Brownstone España Souto di que “cada neno é o salvador dunha Humanidade que ten perdido o rumbo”. Hai moitos anos lin en algures algo moi parecido: “Cada vez que nace un neno é que Deus segue a confiar no home”.
Este odio da sociedade aos cativos maniféstase de moitas e moi terribles maneiras. A primeira, en que non os ten. A xente non quere ter nenos. O número medio de fillos por muller en España en 2024 situouse en 1,10, un mínimo histórico, continuando a tendencia á baixa, cunha media de 1,09 para nais españolas e 1,28 para nais estranxeiras. Así que se non fose polas inmigrantes, a cifra aínda sería menor. Esta media está moi por baixo do nivel de reemprazo xeracional necesario para manter a poboación, que é de 2,1. Xa que logo, estamos ante unha cantidade suicida.
Pero hai máis. En segundo lugar, o odio da sociedade aos nenos descúbrese en que os mata. Falo do aborto, claro. En España rexistráronse máis de 106.000 abortos en 2024, un 3% máis que no ano anterior, o que se traduce nunha taxa de case 12,5 por cada mil mulleres de 15 a 44 anos. Pero é que no mundo realízanse aproximadamente 73 millóns de abortos ao ano. Isto si que é un xenocidio, e non precisamente pequeno: o maior da historia e en continuo crecemento.
En terceiro lugar, o odio da sociedade aos cativos ponse de manifesto en que os perverte. A aqueles aos que non mata o corpo mátalles a inocencia. Como? De moitas maneiras: expoñéndoos decotío á pornografía, á violencia, a mil modos de vida baleiros e denigrantes. Pensemos, por exemplo, en algo tan “inocente” como a música: como rapaces –e sobre todo rapazas– de oito, dez ou doce anos teñen por ídolos e imitan cantantes que, máis que música, o que venden é sexo.
Poderiamos seguir mencionando prácticas e comportamentos sociais que denotan o odio aos nenos. Por exemplo, a súa substitución polos cans. Ou o feito de que en cada vez máis restaurantes e outros espazos públicos non se admitan cativos.
Si, esta sociedade ten caído tan baixo que ten chegado a odiar os nenos. Un odio que é autoodio e suicida.