Noivos
Leo nun xornal dixital de Madrid un artigo de José María Contreras Luzón en que dá un feixe de consellos ben interesantes sobre o noivado. “Un noviado está para coñecerse, e se as cousas non marchan, para romperse”, di, e, coa mesma, ofrece unha listaxe de cousas do outro que un debe coñecer durante este período: o carácter –“con ese xeito de ser vai estar un vivindo toda a vida”–; as crenzas –ollo, non as opinións: “As crenzas non son o que opina, senón no que cre de verdade; opinión é aquilo que eu sosteño e crenza é o que me sostén a min”–; o valor que lle dá á familia –se lle daría ou non prioridade sobre a súa profesión no caso de foren incompatibles–; e, finalmente, estar certo de que me quere, e neste punto aclara algo fundamental: “Querer non é estar namorado; é moito máis: trátase da capacidade de sufrir que ten un por outra persoa”.
O problema é que hoxe xa non hai noivados (falo en xeral, por suposto; xaora que existen excepcións, e algunhas admirables). E non hai noivados porque non hai matrimonios. Todo son unións libres, iso que desde o 68 se chama “amor libre”, unha auténtica tautoloxía, pois o amor ou é libre ou non é amor. O que pasa é que nesas unións libres non adoita haber amor, porque non adoita haber compromiso nin –como afirma Contreras Luzón– capacidade (nin vontade, engado eu) de sufrir polo outro.
Como digo, hoxe non hai noivados nin noivos. Os rapaces o que fan é liarse, e perdoen o castelanismo, pero é a palabra que utilizan eles. Escóitolles acotío falar diso: “Ayer me lié con Menganito”; “Fulanita está liada con Zutanito”; “Sabes con quién se ha liado Perenganito?”. Escríboo todo en español porque é a lingua que utilizan moi maioritariamente os nosos adolescentes. O peor é que estes comentarios escóitoos cada vez máis en boca de rapaces de doce ou trece anos, que aínda son case nenos.
E en que consiste este liarse? O Diccionario de la lengua española non se anda con eufemismos e defíneo como “enredarse con fin deshonesto, amancebarse”. Como sinónimos, dá, entre outros, “enrollarse” –que é o que usabamos os adolescentes dos anos oitenta– e “arrejuntarse”. En galego, a forma equivalente sería “amigarse” –que, evidentemente, pode resultar equívoca–, “achegarse” ou “arrimarse”, e o dicionario da Real Academia Galega definea como “facer vida de matrimonio sen estar legalmente casados”. Xaora que os nosos nenos (ou preadolescentes) de doce ou trece anos non teñen maioritariamente relacións sexuais, pero si adoptan comportamentos parasexuais, e, en calquera caso, os adolescentes de catorce, quince o dezaseis si que teñen sexo con certa frecuencia.
Fronte a isto, a miña nai, que xa ten noventa e seis anos, confesáballe hai uns días a un dos seus netos que, durante o seu noivado, o meu pai e mais ela non se deron nunca un bico na boca. Eran outros tempos (casaron en 1952), pero, aínda así, se cadra pecaron de mexericas, melindrosos ou moralistas, como vostedes queiran chamalo.
O que si teño claro é que precisamos que volva haber noivos e noivas –no canto de rapaces liados– e maridos e mulleres –en vez de “parexas” ou “compañeiros sentimentais”; é dicir, que regresen o compromiso e o amor (ese que ten que ver coa capacidade de sufrir polo outro) ás vidas de todos nós, novos e vellos.