Nenos

Leo nun diario unha entrevista cun animador de hotel en que di: “Hoxe os nenos non teñen nada que ver [cos de onte]. Non se entreteñen con nada, van por diante da súa idade… 

Leo nun diario unha entrevista cun animador de hotel en que di: “Hoxe os nenos non teñen nada que ver [cos de onte]. Non se entreteñen con nada, van por diante da súa idade… Antes tiñamos a minidisco con cancións como ‘Veo, veo’, que sempre foi un clásico. Hoxe pósllela e axiña pídenche a Lola Índigo”. Aclaro, para os que non a coñezan, que Lola Índigo é unha cantante pop noviña desas (e deses) que venden basicamente sexo, e creo que non esaxero. Hai moitos anos que a industria do pop, en xeral, vende sobre todo iso.

Pero volvamos aos nenos. Se estes tempos son malos para a lírica, coma cantaban Golpes Bajos, non son mellores para os cativos. Nos nosos fogares foron substituídos polos cans e o que hoxe en día se fai con eles é, máis ca nada, matalos. Quer literalmente, antes de que nazan, co aborto; quer metaforicamente, despois de eles nacer, arrebatándolles a inocencia, é dicir, a alma. Podería escribir como exemplo disto último centos de argumentos, pero chega cun ben ilustrativo: o 10% dos nenos acceden á pornografía antes dos 10 anos.

Lembro agora un artigo de prensa publicado hai algúns anos por José Francisco Sánchez, que foi o meu profesor de Redacción xornalística na Universidade, en que afirmaba algo así (cito de memoria) como que os adultos deberiamos venerar a inocencia dos cativos e, pola contra, o que facemos é matala. Pois iso.

Repítese moito que a verdadeira patria do home é a infancia. Pero a infancia é moito máis ca iso: é a felicidade do home. Se queremos ser felices, temos que volver ser nenos. É o que dixo Xesús: “Se non vos facedes coma nenos, non entraredes no reino dos ceos”. Esa ten que ser a nosa meta, o noso obxectivo, o noso horizonte, o noso futuro. Non é que un neno do presente teña que se facer un home no futuro. É ao revés: os homes do presente temos que nos facer nenos no futuro. Díxoo con lucidez a escritora Ana María Matute: “O neno non é un proxecto de home; o home é o que queda do neno que foi”.

E como é ese neno que debemos ser? Cales son esas calidades do neno que nos farán felices a nós e nos permitirán entrar no reino dos ceos? Sabémolas ben, aínda que ás veces as esquezamos, distraídos, como estamos, finxindo sermos adultos: a liberdade de espírito, a espontaneidade; a inocencia, a pureza, a sinxeleza; a confianza, a ausencia de medos, tabús e prexuízos; a facultade de vivir plenamente o presente, a capacidade de abraio, a curiosidade ilimitada; a ledicia, o entusiasmo, o espírito lúdico, o sentido do humor; a solidariedade; a forza creadora da imaxinación; a capacidade de amar e de deixarnos amar. Son tantas…

Fagámonos, pois, coma os nenos. Pero comecemos antes por non matar a inocencia deles.