León XIV

Vin en directo o anuncio da elección do cardeal Robert Francis Prevost como o novo papa León XIV. Souben da fumata branca por un whassap e deseguido acendín a televisión para ver quen era o novo pontífice.

Vin en directo o anuncio da elección do cardeal Robert Francis Prevost como o novo papa León XIV. Souben da fumata branca por un whassap e deseguido acendín a televisión para ver quen era o novo pontífice.

O primeiro que sentín cando saíu ao balcón foi ledicia. Alegría pola fin do sentimento de orfandade que, como católico, tiña des que morreu Francisco. Estabamos sen papa, pero, por fin, deixamos de estalo.

Tamén me alegrei porque o conclave fora curto. Un conclave de tres ou máis días de duración danaría a reputación da Igrexa por escenificar a desunión que, por desgraza, existe nela e que os cardeais souberon superar, aínda que fose momentaneamente. León XVI é un papa de consenso. De seguro que continuará o labor de Francisco en moitos aspectos, pero seica recibiu o voto en bloque dos cardeais africanos, con sona de conservadores, e dos americanos. Por algo será.

Despois de me alegrar, emocioneime, sen dúbida contaxiado pola emoción que el mesmo sentía. Tragaba cuspe con dificultade, custáballe arrancar e mesmo adiviñábaselle un puntiño de bágoa no ollo dereito.

A verdade é que as miñas primeiras impresións de León XIV foron ben positivas. Gustoume a mestizaxe tanto da súa nacionalidade ­–estadounidense e peruana– e da súa liñaxe –norteamericano con devanceiros franceses, italiáns e españois–. Tamén o feito de que o seu segundo apelido fose Martínez. Faino máis cercano, máis noso. E que se tratase dun relixioso, coma Francisco, pero neste caso agustino. De feito, citou a San Agustín: “Con vós son cristián e para vós son bispo”. Chistoume ademais que fose un papa misioneiro. Podiamos resumir a súa traxectoria pastoral cunha paranomasia: “De Chicago a Chiclayo” (a diócese peruana da que foi bispo). Tamén a súa dobre condición de matemático e filósofo, evidenciando que, en contra do que teiman os inimigos da Igrexa, entre ciencia e fe non hai contradicción ningunha; todo o contrario: o crente, calquera crente –non só o católico–, non pode abrazar ningún credo irracional. Gustoume igualmente que, malia ser un pastor, coñecese ben a Curia romana, como prefecto do Dicasterio dos Bispos. E finalmente, agradáronme os seus primeiros xestos e palabras: velo saír ao balcón coa vestimenta tradicional de papa, a diferenza de Francisco, que a evitou para escenificar a pobreza evanxélica –o cal no seu momento non me pareceu mal–, e pronunciar un pequeno discurso que acababa de escribir –a diferenza das palabras improvisadas que adoitan dicir os pontífices acabados de nomear–, o que fala do seu carácter metódico e prudente. Comezou transmitindo aos fieis a paz de Cristo resucitado e rematou rezando con eles un avemaría, o que tamén me sorprendeu.

Xaora, gustoume ademais a elección do seu nome: León XIV, no ronsel de León XIII. Puiden adiviñar que o escollera por ser o seu predecesor o iniciador da doutrina social da Igrexa coa encíclica Rerum Novarum, que rescatou os obreiros tanto do capitalismo como do socialismo. El mesmo confirmouno ao día seguinte.

Pero hai outro aspecto de León XIII que non sei se o cardeal Prevost tiña en mente e que a min me resulta especialmente interesante: a visión que experimentou un día de 1884 na que o demo lle pedía a Deus poder dispor de cen anos para tentar destruír a Igrexa e levar a todo o mundo ao inferno. Despois viu a San Miguel Arcanxo aparecer e lanzar a Satanás coas súas lexións ao fondo do averno. Deseguido, León XIII escribiu unha oración a San Miguel solicitándolle que acubillase a humanidade contra os engano do diabo e ordenou que fose recitada ao final de cada misa. A oración deixou de ser rezada despois do Concilio Vaticano II. Como digo, non sei o cardeal Prevost tiña na súa cabeza este episodio cando escolleu o nome de León XIII. O certo é que a súa elección tivo lugar o 8 de maio, o mesmo día en que San Miguel apareceu no século V no monte Gargano, en Nápoles. Demasiada coincidencia.

 Coido que León XIV vai ser un bo papa, un pontífice que nos confirmará na fe aos católicos, como lle cómpre. Iso lle pido a Deus.