Javier Sartorius
Ata hai ben pouco non sabía quen era Javier Sartorius. Soábame o seu apelido, claro. E tamén o segundo, Miláns del Bosch. Supúñao curmán de Isabel Sartorius, quen foi noiva do rei Felipe VI, e sobriño de Nicolás Sartorius, “o aristócrata vermello”, quen estivo no cárcere durante o franquismo por ser militante do Partido Comunista e despois, na Transición, fixo carreira política. E parente tamén do xeneral Jaime Miláns del Bosch, condenado a 30 anos de prisión polo fallido golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981.
O 12 de setembro estreouse en cines de toda España unha película documental sobre a súa vida, Solo Javier, dirixida por Josepmaria Anglès e impulsada pola súa familia co obxectivo de poñer en marcha o seu proceso de beatificación. Seica hai uns días estaba na carteleira en Vigo, no cine Salesianos, mais descoñezo en que outras salas galegas se pode ver. Sospeito que en moi poucas, pois non semella unha película taquilleira. Pero sospeito tamén que debe de contar unha historia edificante e inspiradora, especialmente para os mozos, polo que –antes de o facer eu– me atrevo a recomendarlles que a vexan.
Polo que puiden saber, Javier Sartorius naceu en Madrid en 1962 nunha familia aristócrata. A súa liñaxe unía a tradición política dos Sartorius –Luis José Sartorius y Tapia foi presidente do Consello de Ministros baixo o reinado de Isabel II– e a tradición militar dos Milans del Bosch. Tras unha primeira parte da súa vida propia do pijerío madrileño máis ilustre, con expulsión de varios colexios polas súas más cualificacións, unha vida social con veraneos en Marbella e Zarautz, estudos de Administración de Empresas nos EEUU e unha incipiente pero exitosa carreira como xogador de pádel-tenis nese país, deixou todo nunha busca espiritual que o levou primeiro a traballar como misioneiro seglar en Cuzco (Perú) canda a misión Servos dos Pobres do Terceiro Mundo, fundada polo padre Giovanni Salerno, e despois, a se converter en monxe contemplativo.
Tras o seu regreso de Cuzco, ingresou brevemente no Seminario Maior de Toledo, pero pronto descubriu que a súa vocación era a vida contemplativa. En xullo de 1992, aos 29 anos, chegou ao Santuario da nosa Señora de Lord, en Lleida, e cando lle preguntaron o seu nome, respondeu simplemente: “Só Javier”, rexeitando mencionar os seus apelidos aristocráticos. Durante catorce anos seguiu a Regra de San Bieito. Dedicouse ao pastoreo de máis de cen ovellas —ás que coñecía polo seu nome individual, coma o bo pastor do Evanxeo—, á construción de edificios do santuario e a labores agrícolas. Vivía en condicións de extrema austeridade: unha cela sen calefacción, con xanela rota e sen auga quente. En 2006 comezou cunha doenza gástrica e foille diagnosticada unha colite ulcerosa que requiría dun control severo dos alimentos e xaxúns constantes. Afrontouna de forma positiva, pero tivo que se trasladar ao mosteiro de San Miguel de Donas, en León, para ser tratado. Alí morreu por un repentino ataque ao corazón pouco antes de recibir o Sacramento da Orde. Tiña corenta e catro anos. Está enterrado no Santuario de Lord, onde repousan tamén os seus pais.
Unha vida, como digo, edificante e inspiradora, que estou seguro de que deu lugar a unha película á que podemos poñer os mesmos adxectivos. Insisto en que a vexan, se teñen ocasión.