domingo. 28.04.2024

Galaico-portugués

Leo nunha páxina web que o portugués procede do galaico-portugués. O galaico-portugués non existiu nunca como idioma. Quero dicir que nunca houbo unha lingua que se chamase galaico-portugués. Galaico-portugués é un termo inventado polos lingüístas portugueses a finais do século XIX, cando se descubriron as cantigas medievais e veron que os autores eran tanto da Portugal contemporánea como de Galicia, é dicir, de aquén-o-Miño como de alén-o-Miño.(...)

Leo nunha páxina web que o portugués procede do galaico-portugués. O galaico-portugués non existiu nunca como idioma. Quero dicir que nunca houbo unha lingua que se chamase galaico-portugués. Galaico-portugués é un termo inventado polos lingüístas portugueses a finais do século XIX, cando se descubriron as cantigas medievais e veron que os autores eran tanto da Portugal contemporánea como de Galicia, é dicir, de aquén-o-Miño como de alén-o-Miño. Algúen poderá pensar que acuñando esta denominación lle estaban a facer un favor a Galicia, por incluíla tamén, pero a realidade é que lle estaban a facer de menos, pois andaban a minusvalorar a súa achega, disolvéndoa nun neoloxismo interesado. De onde procede realmente o portugués é do galego ou, se se quere, do galego antigo ou medieval, de onde vén tamén o galego moderno. Lémbrese que Galicia existe como unidade administrativa desde comezos do século IV, cando os romanos crearon a provincia de Gallaecia, e aí comezou axiña a falarse unha lingua romance que foi chamada sempre galego, por razóns obvias.

Claro que aínda se poden dicir maiores disparates. Disque en Portugal se explica mesmo que o portugués procede directamente do latín, saltándose de golpe seis séculos de historia. Porque o galego comezou arredor do século VIII –con todas as reservas, porque a transformación do latín produciuse de maneira progresiva e imperceptible–, mais Portugal non naceu ata o XII e o portugués, tal e como o coñecemos hoxe, non se empezou a formar ata o XIV.

Todo isto déixao claro Fernando Venâncio, un dos lingüistas portugueses máis importantes da actualidade, que no seu recente libro Assim nasceu uma língua: sobre as origens do português enfatiza que a historia do portugués é a historia dos seus intentos por se afastar do galego, por considerareno os portugueses un idioma rural, arcaico, atrasado; xusto –que casualidade– os mesmos (des)cualificativos que os casteláns –e moitos galegos– lle teñen dado ao longo da historia. Pero hai máis: Venâncio pon de manifesto que o portugués foi influenciado polo español tanto ou máis ca o galego, sobre todo a partir do século XVI, cando se tomou este último como lingua de prestixio polo feito evidente de que daquela España era a primeira potencia do mundo.

En fin, que a ignorancia e o chovinismo, se se me permite o galicismo, teñen xogado sempre en contra do galego, mais os seus inimigos non teñen sido só España e o español.

Galaico-portugués
Comentarios