jueves. 02.05.2024

Da existencia de Deus

Falando hoxe cuns amigos, un deles salientou que xa Nietzsche demostrara que Deus non existe. A súa filla, que estaba ao seu carón, remachou a cousa engadindo que non o fixera só o filósofo alemán, senón tamén moitos outros, mesmo antes ca el.

Falando hoxe cuns amigos, un deles salientou que xa Nietzsche demostrara que Deus non existe. A súa filla, que estaba ao seu carón, remachou a cousa engadindo que non o fixera só o filósofo alemán, senón tamén moitos outros, mesmo antes ca el.

Eu no quixen dicir nada, por non entrarmos nunha discusión innecesaria, mais pensei que o que afirmou Nietzsche non é que Deus non existise, senón que morrera, que non é o mesmo. Porque dicir que Deus morreu equivale a soster que o matamos nós, os homes, e, xa que logo, que existira antes. Con esta frase acontece algo semellante ao que pasa con outra moi repetida de Manuel Azaña: “España ha dejado de ser católica”. Xaora que o que quería dicir o famoso político non é que os españoles deixaran de crer na Igrexa católica, senón que esta xa non mandaba no país coma antes. Tanto non mandaba que durante a Guerra Civil foron asasinados sete mil sacerdotes, relixiosos e relixiosas, é dicir, un de cada sete curas e un de cada cinco freires. Se España deixara de ser católica era máis ben porque deixara de ter católicos… vivos. En realidade, cando España deixou de ser católica é hoxe, nos últimos corenta anos.

Pero volvamos á cerna do asunto. Nunca se poderá demostrar que Deus existe, coma tampouco que non. Se se puidese demostrar experimentalmente a súa existencia –é dicir, se se puidese medir–, sería un Deus de pacotilla, unha birria de Deus. Non, nunca se poderá demostrar nin que existe nin que non, pero o uso da razón –mesmo só do sentido común– lévanos a sospeitar máis que existe ca que non existe. De aí xorden as famosas cinco vías de Santo Tomás de Aquino que demostran –e escríboo en cursiva por razóns obvias– a súa existencia. E en certo modo  tamén –imaxino, porque aínda non o lin– o libro Dios. La ciencia. Las pruebas. El albor de una revolución, dos franceses Michel-Yves Bolloré e Olivier Bonnassies, que acaba de se publicar e que relata os achados científicos que nos últimos tempos apuntan máis á existencia de Deus ca á súa inexistencia. Non me sorprende en absoluto, pois sempre pensei que os científicos son os que mellor saben que Deus probablemente existe, e subliño o de probablemente tamén por razóns obvias. Eles, tan dados a medir e calcular todo, atópanse acotío cunha morea de cousas no universo que non poden ser medidas nin calculadas, verdadeiros indicios –se non probas– da existencia dunha intelixencia creadora.

Claro que para considerar esta hipótese cómpren dúas condicións que non todo o mundo ten: formación e humildade. Os científicos de verdade posúen ambas, pero hai moita xente –tamén algún científico de mentira– que non.

En calquera caso, e como crente, penso que Deus non quere tanto que o descubramos a través da ciencia e da teoría como da experiencia persoal. Que nos encontremos con el, que saiamos ao seu encontró. É máis: é el quen sae a nos encontrar. Por algo é padre, irmán e amigo. Ao cabo, coido que quen máis razón ten é André Frossard cando dixo “Deus existe, encontreimo eu”.

Da existencia de Deus
Comentarios