jueves. 02.05.2024

Castelao

Hai xa algúns anos disto. Camiñaba un día pola rúa Pi i Margall de Vigo cando no escaparate dunha tenda vin unha figuriña de cerámica de Castelao cun carteliño que dicía: “Vendido”. Pareceume un paradoxo, porque se houbo unha persoa en Galicia que nunca se vendeu, esa foi o autor de Cousas.

Hai xa algúns anos disto. Camiñaba un día pola rúa Pi i Margall de Vigo cando no escaparate dunha tenda vin unha figuriña de cerámica de Castelao cun carteliño que dicía: “Vendido”. Pareceume un paradoxo, porque se houbo unha persoa en Galicia que nunca se vendeu, esa foi o autor de Cousas. Por suposto que houbo moitas máis, pero en fin, creo que se me entende. Castelao nunca foi un vendido, pero moitos si que teñen tentado, máis ca compralo, secuestralo. Xaora, a dereita “españolista”, como a chaman os nacionalistas, cando os seus restos foron traídos de Bos Aires para seren enterrados en Santiago, no Panteón de Galegos Ilustres, en 1984, aínda que foi un acordo de todo o Parlamento autonómico –daquela, sen os deputados do BNG, que refugaron xurar a Constitución– e a iniciativa partiu de Camilo Nogueira, non sospeitoso nin de dereitista nin de españolista. Daquela, o presidente da Xunta era Fernández Albor, pero tamén Fraga tentou secuestrar a Castelao cando varias veces dixo que este aplaudiría o seu Goberno. Unha frase canto menos temeraria, tendo en conta que, sendo ministro de Franco, significouse máis dunha vez por reprimir a defensa da memoria do seu paisano.

Pero o nacionalismo de esquerdas non ten intentado menos secuestrar o autor de Sempre en Galiza. E é que pode que Castelao fose un auténtico “nacionalista galego” e non un simple “galeguista”, como din os do Bloque, mais non estou moi certo de que hoxe militase no BNG. A esquerda nacionalista tamén tentou secuestrar a súa figura cando viñeron os seus restos. Lembren aquel alboroto protagonizado por un bo número de activistas. No canto de aplaudiren, berraban “Galiza ceive, poder popular”. Coido que o nacionalismo do Partido Galeguista era bastante diferente do de Bloque. Para empezar, o PG erar un partido interclasista en que convivían xentes de ideoloxías diversas. Claro que había algún marxista, como Suárez Picallo, mais a maioría eran socialdemócratas, liberais ou conservadores, como os que marcharon do partido cando este pactou coa Fronte Popular –Risco, Filgueira, Manuel Beiras (o pai do durante tantos anos líder do Bloque)–. En segundo lugar, non creo que Castelao subestimase todo o conseguido por Galicia desde a Transición, como fai o BNG. Igual nin o daba crido. Se cadra, naqueles anos en que se construíu a democracia e mais a autonomía, estaría máis preto de Ramón Piñeiro, tan denostado polos nacionalistas –que ata inventaron que era axente secreto da CIA–, ca deles. E iso que Castelao e Piñeiro tiveron diferenzas moi graves durante a guerra civil e a posguerra. En fin, non o sei e non quero caer no mesmo erro que a dereita “españolista” e a esquerda nacionalista de xogar a adiviñar os posicionamentos do rianxeiro no noso tempo. O que teño claro é que a segunda ten tentado secuestrar a Castelao tanto como a primeira. Xa o escribiu Celso Emilio: “Castelao nunca foi teu porque Castelao é noso”. E se o deixamos ser seu, dono de si mesmo?

Castelao
Comentarios