Cantares galegos?
Hai uns días lin en Sermos Galiza, o excelente suplemento semanal de Diario Nós, un artigo sobre as cantareiras –ás que a Real Academia Galega adicou este ano o Día das Letras Galegas– que me resultou rechamante, non tanto polo que dicía como por como o dicía. O artigo estaba escrito polo prestixioso músico e profesor César Morán, a quen tiven o pracer de o coñecer no verán de 2011 nun cursiño de portugués no Porto.
No artigo, o Morán defende que non se deberían incluír na poesía popular galega as coplas que nos teñen chegado totalmente ou en parte en castelán. Eu concordo con el só ata certo punto, porque eses castelanismos entraron no galego hai moitos séculos, a partir do XV, e esas coplas veñen transmitíndose de xeración en xeración desde entón. Algo de galegas terán.
Pero, como dicía, o que máis me chama a atención do artigo non é o que di, senón como o di, porque o Morán sae en defensa da pureza das coplas galegas… en portugués, pois é neste idioma en que está escrito o seu texto. Algúns de vostedes dirán: “É que o portugués e o galego son a mesma lingua”. Seguro? Coido que cómpre esclarecer o asunto.
Folga dicilo, pero se cadra non está de máis comezar lembrando que o galego é un dialecto do latín (vulgar), non do castelán nin do portugués.
En segundo lugar, adóitase dicir que o galego e o portugués, se non son hoxe o mesmo idioma, si o foron na Idade Media. Pero isto tamén precisa ser matizado.
Portugal foi un condado de Galicia –do reino galaico-astur-leonés– que non se independizou e converteu en reino propio ata o século XII. Daquela, entre o Miño e o Mondego, é dicir, entre Valença e Coimbra (límite sur ata o que os suevos estenderon o reino de Galicia no século V) falábase galego, o mesmo que no norte do Miño, unha lingua que nacera en Galicia (na Gallaecia romana) contra o século VIII e que xa na Idade Media recibía ese nome (“galego”, “linguagem” ou “romano”). Ata o século XV, o idioma que se falaba en Portugal seguía sendo galego e chamándose así. Non foi ata esa centuria que a lingua do novo reino comezou a evolucionar e a afastarse do galego, ao tempo que a ser denominado “portugués”, por analoxía ás outras linguas nacionais da contorna, coma o español e ou francés.
A lingua que falaban os actuais portugueses deixou de ser galego a medida que comezou a avanzar cara ao sur durante a Reconquista e se atopou e mesturou con outras linguas, quer do substrato (prerromanas), quer mozárabes (romances), que, sen dúbida, a transformaron significativamente. Esta transformación agudizouse ademais pola vontade expresa da nova dinastía real portuguesa, a Casa de Avís –cuxo primeiro rei foi João I– de afastar o portugués do galego orixinal, por o considerar arcaico e rudo, curiosamente igual que os casteláns e os galegos desleigados da época. A historia do idioma portugués é a historia dos seus intentos por se afastar do galego, como afirma categoricamente o profesor Fernando Venâncio no seu libro Assim nasceu uma língua. O investigador lembra mesmo que no século XVII o académico António das Neves Pereira chamaba sen ambaxes aos seus compatriotas a “expurgar a lingua das antigas feces do dialecto galiziano”.
E aínda o portugués se arredaría máis do galego cando, entre os séculos XVI e XVII, coincidindo coa unión ibérica que supuxo o ingreso de Portugal na monarquía hispánica durante “a época dos filipes”, o portugués abriuse á influencia do castelán por ser esta daquela a lingua de prestixiou. Así que se o galego ten estado influído e deturpado polo castelán durante séculos, tamén ao portugués lle sucedeu o mesmo, aínda que por menos tempo. En calquera caso, esta influencia continuo a afastar o portugués do galego, pois os procesos de contaminación de ambas as dúas linguas por parte do castelán non foron iguais, senón paralelos. Por exemplo, unha palabra como “orzamento”, que pasou recentemente ao galego desde o portugués, era en realidade un castelanismo na lingua de Camões.
Con todo isto –e descúlpenme a leria– o que quero dicir é que en Portugal falan un idioma irmán e moi semellante, por suposto, do galego, pero que é outra lingua desde hai uns seiscentos anos. É por iso que me resulta rechamante que se use para atacar o castelán na defensa da pureza das coplas populares galegas.
Máis nada. Longa vida ás cantareiras e á nosa literatura oral.