Black Friday

Ilustración DL-G.
O pasado venres foi o Black Friday, que nos EEUU se celebra desde hai máis seis décadas e que en España se xeneralizou desde 2015, aproximadamente. É, sen dúbida, un dos días do ano en que se fan máis compras e se gastan máis cartos nelas.

O pasado venres foi o Black Friday, que nos EEUU se celebra desde hai máis seis décadas e que en España se xeneralizou desde 2015, aproximadamente. É, sen dúbida, un dos días do ano en que se fan máis compras e se gastan máis cartos nelas. En realidade, non é só un día: adoita prolongarse durante unha semana e mesmo un mes. E é que non deixa de ser a xornada que inaugura a tempada das compras de Nadal.

Descoñecía a orixe do seu nome e vexo en internet que non ten nada que ver co que eu podía imaxinar: comezaron a usalo en Filadelfia os policías de tráfico para describiren a mesta circulación de xente e vehículos que ateigaban as rúas ese día.

Pero, alén do anecdótico da orixe do termo, o Black Friday tense convertido no clímax anual e mesmo no símbolo do consumismo que caracteriza a nosa sociedade actual. Oín na televisión que este ano os españois gastamos unha media de 219 euros nas compras dese día. Tendo en conta que eu non gastei nin un céntimo, é claro que algúns desembolsar, como mínimo, o dobre desa cantidade, preto de 440 euros.

Tamén vin na televisión as colas e carreiras que se producen ese día na apertura dos grandes almacéns: xente a fume de carozo, como se os perseguise o demo, para seren os primeiros en facerse con tal ou cal produto, como acontece tamén no período das rebaixas. Un espectáculo que non sei ben como definir: grotesco, patético, demencial… Penoso, en calquera caso.

Disque hai persoas que reservan ese día (ou esa semana) todos os anos e pídeno libre no traballo para poderen entregarse sen atrancos a semellante desenfreo consumista. De feito, na tele apareceu un paisano que dixo que el sempre o fai. Terrible.

Non hai dúbida de que o consumismo é a relixión do noso tempo e as grandes superficies comerciais son os seus templos. Pero unha cousa é o libre mercado, o capitalismo mesmo, e outra este desenfreo consumista, esta pulsión, esta adición. Porque, en definitiva, trátase diso, dunha adición, xurdida pola necesidade que ten o home de hoxe de encher o seu baleiro existencial. Unha relixión (eu diría, máis ben, unha secta, porque fai de nós monicreques) e unha adición.

Hai dúas frases que teñen que ver con todo isto e que poñen os pelos de punta. A primeira, “Nacida para comprar”. Era o título dunha vella canción de Objetivo Birmania e xuraría que hai pouco a vin como lema promocional dunha tarxeta de crédito. Parafrasea o “Nacido para matar” (“Born to kill”) que disque os marines estadounidenses levaban escrita no seus cascos na guerra de Vietnam. A segunda é “Non deixes para mañá o que poidas comprar hoxe”. Agora non lembro o seu contexto, pero coido que abondan os comentarios.

En fin, remato con dous chistes, para alixerar, pero que non deixan de ter a súa carga de profundidade. Velaí o primeiro (cómpre contalo en castelán porque, se non, non funciona): “¡Alégrese, hombre! Este año será el año del consumismo: con su mismo piso, con su mismo coche, con su mismo traje…”. O segundo vai tamén en español e seica só o comprendemos os galegos e os canarios, e está baseado nese abraiante xogo de palabras que se chama calambur: “Aquí también comemos solomillo, solo millo”. Espero que lles espertasen un sorriso.