As Españas
Leo en El Debate unha entrevista a Alejo Vidal-Quadras onde fai unha declaración da que non cambiaría unha soa coma, porque, máis ca unha opinión, me parece a constatación dun feito. Transcríboa literalmente, aínda que sexa un pouco longa: “España tiene hoy una crisis existencial. Hay partidos que están en la coalición parlamentaria que sostiene al Gobierno, y de los que el Gobierno depende, que quieren acabar con España como nación. Y lo están consiguiendo gradualmente. (…) Sánchez está entregando España a pedazos a cambio de seguir en el poder. Esto es algo que no se había producido nunca. (…) La nación está en peligro, aunque suene excesivamente dramático, y hay que hacer lo necesario para preservarla, porque quien está gobernando, la está destruyendo. No está gestionando mal, que también. No es que sea corrupto, que también. Es que está intentando destruir a España como nación”.
Certamente, Pedro Sánchez está a gobernar cos inimigos de España, que, como tales, non gobernan en favor dos españois, senón contra eles. Hoxe, os nacionalistas –todos, en todas as partes– son independentistas e, sobre todo, antiespañois. O que lles caracteriza é o odio a España e a procura da súa destrución.
Mais non sempre foi así. Os galeguistas da II República (non falo doutros casos, porque non os coñezo en profundidade) non eran maioritariamente independentistas e, sobre todo, non eran antiespañois. Ao revés, aspiraban a unha Galicia soberana dentro dunda federación española ou mesmo ibérica, que incluíse tamén Portugal. É dicir, eran conscientes do que lles diferenciaba doutras partes de España, pero tamén do que tiñan en común con elas.
E facían moi ben en pór o énfase na súa galeguidade, porque, ao meu parecer, ser galego é a maneira de ser español en Galicia, como ser vasco, catalán ou madrileño é a forma de selo en Euskadi, Cataluña e Madrid, respectivamente. A esencia de España radica, precisamente (ía dicir “paradoxalmente, pero non é un paradoxo ningún, senón todo o contrario) na súa diversidade. Esta é unha riqueza inmensa que temos os españois e que nunca valoraremos abondo. Por iso, os nacionalistas –galegos, cataláns, vascos ou de onde foren–, cando odian España, estanse a odiar a si mesmos. Ese si que é un caso claro de autoodio, termo que autilizan adoito os nacionalistas do BNG para se referiren a aqueles galegos que presentan comportamentos máis ou menos desleigados. E non digo eu que non haxa galegos pouco afectos a Galicia, pero –repito– se existe un autoodio evidente é o dos nacionalistas que desprezan todo o español. Nalgunha ocasión teño cualificado España de “nación de nacións” e, aínda que esa expresión agora non me acaba de convencer de todo, creo que reflicte bastante ben o que quero dicir cando falo de que a esencia de España radica, precisamente, na súa diversidade. Por iso, os tradicionalistas sempre falaron das Españas, en plural, no canto de España, e esa denominación sempre me gustou porque creo que se axusta mellor á realidade. E por iso tampouco tiveron nunca problema ningún en compatibilizaren a defensa dos foros rexionais coa unidade de España. En realidade, non é que sexan dúas cousas compatibles; é que unha non se entende sen a outra.
En fin, que, desgraciadamente, me parece Vidal-Quadras ten razón e que o problema non é que Pedro Sánchez estea xestionando mal o público ou sexa corrupto; é que está intentando destruír España como nación. E enfrontando os españois, claro. Esa era a primeira medida que lle cumpría tomar para acadar a súa obra e abofé que o está a facer. Xa se sabe: divide e vencerás, sementa os odios e deixa que se maten entre eles.