viernes. 19.04.2024

A presentación da XXV Festa da Arribada da Carabela Pinta, declarada como Festa de Interese Turístico Internacional no 2015, contou coa participación do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, este venres no Parador de Baiona. Ao acto tamén asistiron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

A Xunta destaca que a relevancia acadada por esta celebración contribúe ao desenvolvemento turístico de Galicia ao tratarse dun referente do calendario das festas da nosa comunidade. Alfonso Rueda sinalou a importancia de reivindicar nesta cita a historia de Baiona, xa que fai 527 anos foi a primeira localidade en coñecer o descubrimento de América cando en 1493 Martín Alonso Pinzón arribou no porto e desde alí enviou a noticia.

O vicepresidente da Xunta resaltou ademais que este acto é un bo exemplo para reivindicar a irmandade entre os pobos, como demostra o vínculo de Galicia con América con moitos puntos en común tanto na súa cultura coma nos seus costumes, que se poñen de manifesto tamén nesta celebración.

XXV Festa da Arribada da Carabela Pinta, a irmandade entre os pobos