viernes. 01.03.2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración do III Encontro de Turismo da Costa da Morte onde salientou o papel da Costa da Morte no modelo turístico galego que conta co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor, “á súa capacidade por consolidar e ampliar a oferta turística e contribuir ao desenvolvemento económico e social deste territorio diversificando a oferta galega”. 

O director de Turismo referiuse, por unha banda, á colaboración continuada a través das axudas ao xeodestino que, nos últimos anos supuxo un investimento superior aos 300.000 euros “cos que os xestores do destino avanzaron na sustentabilidade, formación e planificación do turismo na Costa da Morte, con accións transversais”.

Xosé Merelles referiuse tamén á oportunidade que tamén están a supor para este destino os fondos europeos transferidos a Galicia cos que a Xunta está a levar a cabo varias liñas de axuda que tamén chegaron a concellos da comarca. Puxo como exemplo as axudas para embelecemento do litoral cun investimento global para toda Galicia de 6 M€ e que beneficiaron a máis de dez establecementos da zona e a 11 proxectos municipais de  oito concellos da comarca. Tamén recordou o papel da Costa da Morte na Senda do Litoral que unirá Ribadeo e A Guarda na que se está a traballar así como a posta en marcha de axudas para converter establecementos senlleiros do Camiño de Santiago en establecementos turísticos por 4 M€.

ESTRATEXIAS TURÍSTICAS

O director de Turismo de Galicia referiuse tamén ao Plan de Sostiblidade Turística Os Fogóns de Anllóns cun investimento de 1,5 M€, unha dos 13 estratexias turísticas en destino xestionadas por distintas entidades e incluídas no Plan Territorial Enoastronómico, deseñado pola Xunta de Galicia con fondos europeos Next Generation.

Como indicou, todas estas accións “e o traballo constante do sector” están a contribuir a que a Costa da Morte reforce o seu papel no modelo turístico galego e estea a medrar tanto cuantitativa como cualitativamente. Xosé Merelles referiuse, neste sentido, aos últimos datos do Instituto Nacional de Estatística que cuantifican en máis de 150.000 os viaxeiros aloxados nos dez primeiros meses do ano en establecementos hoteleiros da Costa da Morte e a un incremento da demanda hoteleira como consecuencia dun crecemento na estadía de media nesta comarca.

A Xunta reforza a Costa da Morte no modelo turístico galego
Comentarios