martes. 31.03.2026

A cidade de Vigo converterase novamente nun dos epicentros musicais do verán coa celebración da segunda edición do Galicia Fest, que terá lugar os días 26 e 27 de xuño no Muelle de Trasatlánticos.

Así o destacou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante o acto de presentación do evento, no que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. Ambos coincidiron en subliñar o acerto do festival ao apostar por música indie-pop actual, nun formato medio pero atractivo e nun contorno urbano privilexiado.

Segundo explicou Xosé Merelles, estas características, unidas ao éxito da primeira edición, fan prever un incremento da asistencia neste 2026. O Galicia Fest regresa tras reunir máis de 13.000 persoas en 2025, consolidándose como unha cita destacada no calendario musical galego.

O cartel desta segunda edición contará cunha ampla e diversa oferta de artistas, encabezada polo fenómeno internacional Lea Reina del Flow, xunto a nomes como Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela, Álvaro de Luna, Juan Magán, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis e Marlena. Ademais, incorpóranse ao programa Lori Meyers, Coti e Vera Fauna, completando unha proposta musical atractiva e plural.

O festival adianta as súas datas ao inicio do verán e reforza o seu papel como dinamizador turístico e económico da cidade. Tal e como sinalou o director de Turismo de Galicia, o evento contribúe a xerar impacto económico, promover a riqueza local e atraer visitantes de diferentes puntos de España interesados nunha oferta musical urbana, actual e de calidade.

Vigo acollerá a segunda edición do Galicia Fest os días 26 e 27 de xuño
Comentarios