Turismo de Galicia amplía ata o 2 de marzo o prazo para pedir axudas á compra de bicicletas e patinetes eléctricos nas Rutas do Viño
Turismo de Galicia vén de ampliar ata o 2 de marzo o prazo para solicitar as axudas que subvencionarán a compra de bicicletas e patinetes eléctricos, así como a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga no territorio das Rutas do Viño de Galicia. A ampliación do prazo foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), no marco dunha liña dotada con 4 millóns de euros, financiada con fondos NextGeneration da Unión Europea dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
A convocatoria busca impulsar nos territorios das cinco rutas a instalación e posta en funcionamento destes recursos de mobilidade sostible, incluíndo tamén a creación dun sistema de xestión dos vehículos e a comunicación das experiencias asociadas.
As axudas están dirixidas a persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e a empresas titulares de adegas, sempre que cumpran os requisitos establecidos. Entre eles, figura a localización no ámbito das cinco Denominacións de Orixe galegas —Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras— e a inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).
Catro liñas de actuación
A subvención estrutúrase en catro eixes. O primeiro céntrase na implantación de estacións de reparación e na creación de puntos de recarga para contribuír á adaptación ao cambio climático do destino, cunha dotación de 1,6 millóns de euros. Nesta mesma liña inclúense actuacións de restauración paisaxística nas áreas onde se instalen os puntos de recarga, cun orzamento de 400.000 euros, sendo o bloque con maior volume de investimento.
O segundo eixo contempla a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos para préstamo, con 920.000 euros. O terceiro destínase á creación e implantación de proxectos dixitais para desenvolver o sistema de xestión dos vehículos eléctricos, cun gasto estimado de 510.000 euros. Por último, resérvase unha partida de 545.000 euros para sinalética e para accións de comunicación e información das experiencias xeradas nas Rutas do Viño.