lunes. 26.01.2026

Tui presenta en FITUR a súa primeira campaña turística propia: “Tui, Catedral de Historias”

Tui presentou en FITUR a súa primeira campaña turística propia, “Tui, Catedral de Historias”, coa que proxecta internacionalmente o patrimonio e a conmemoración do VIII Centenario da consagración da súa catedral, ademais de impulsar novas colaboracións e acordos de promoción.
Representantes institucionais posan no estand de Galicia en FITUR tras a presentación da campaña turística “Tui, Catedral de Historias”, coa catedral tudense como eixo da promoción internacional do destino.
Representantes institucionais posan no estand de Galicia en FITUR tras a presentación da campaña turística “Tui, Catedral de Historias”, coa catedral tudense como eixo da promoción internacional do destino.

O Concello de Tui presentou por primeira vez unha campaña turística propia, “Tui, Catedral de Historias”, no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, cunha dobre posta en escena: no estand de Galicia e na sala de presentacións de Turespaña.

A vila proxectou así a nivel internacional o seu patrimonio, a cultura, a historia e tamén a súa gastronomía nun escaparate de referencia. Até Madrid desprazáronse o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, quen, ademais das presentacións, mantiveron ao longo da semana pasada diversos encontros de traballo para reforzar a estratexia de promoción do destino.

Un dos eixos centrais da presenza de Tui en FITUR foi a conmemoración do VIII Centenario da Consagración da Catedral de Tui. A peza audiovisual presentada, baixo o mesmo lema da campaña, céntrase nas historias de persoas diversas vinculadas á catedral, poñendo o foco no relato humano como fío condutor do atractivo turístico da cidade.

Tamén o patrimonio catedralicio espertou un notable interese coa exposición “Sambenitos da Catedral de Tui: Historia, Memoria e Infamia”, que se pode visitar até o 4 de febreiro no Centro Sefarad-Israel, en Madrid. Trátase dunha mostra que recolle unha réplica dos cinco lenzos con catorce sambenitos pintados, acompañados de paneis explicativos. O Concello traballa xa na itinerancia desta exposición, tanto a través das cidades membro da Red de Juderías como a nivel internacional, co obxectivo de dar a coñecer este legado tudense.

No marco de FITUR, Cabaleiro e Núñez asistiron tamén ao cambio de presidencia da Red de Juderías, que pasa do alcalde de Ribadavia, César Fernández, ao alcalde de Segovia, José Mazarías. Precisamente, a Red de Juderías recibiu o premio de “Proxecto Innovador de Destino” nos IX AMT Smart Destinations Awards, celebrados tamén no contexto de FITUR 2026.

A axenda de traballo incluíu, ademais, contactos no propio Centro Sefarad-Israel coa súa directora cultural, Esther Bendahan, para avanzar en novos proxectos de colaboración, así como unha reunión en FITUR co CEO do touroperador TUI, para continuar desenvolvendo o convenio entre ambas entidades.

O programa en Madrid completouse con outras reunións e relacións institucionais orientadas a seguir posicionando a Tui como destino turístico, reforzando a súa proxección nacional e internacional coa catedral como símbolo e relato central.

Tui presenta en FITUR a súa primeira campaña turística propia: “Tui, Catedral de...
Comentarios