Terras de Santiago estreita lazos entre produtores locais e restauración compostelá nun innovador espazo de traballo
O espazo de traballo "O fío verde" marcou un fito ao reunir por primeira vez vinte produtores locais co sector da restauración de Compostela, propiciando un diálogo directo que xa comezou a frutificar en fórmulas de colaboración.
Esta iniciativa pioneira forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino das Terras de Santiago, impulsado polo GDR e financiado pola Xunta de Galicia e o Goberno de España.
O encontro "O fío verde", celebrado en A Quinta da Auga (Santiago), congregou a unha vintena de produtores de concellos do Xeodestino Terras de Santiago (Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra) e a outras tantas empresas de restauración de Compostela e a súa área de influencia. Desde o Xeodestino Terras de Santiago subliñan o potencial da zona, que sitúa ao 70% do mercado galego a menos dunha hora, representando uns dous millóns de clientes potenciais "que aceptan de bo grado a idea de desprazarse unha hora para coñecer un novo territorio e comer uns produtos especiais de tempada, ecolóxicos, de calidade, naturais e de proximidade".
Chefa Fernández, xerente do GDR Terras de Compostela, destacou a profunda conexión do sector primario co territorio e a súa influencia na paisaxe e no modo de vida. Esta relevancia motivou que a primeira experiencia de traballo do Xeodestino Terras de Santiago no ámbito do turismo gastronómico se centrase en apoiar aos produtores locais e en establecer por primeira vez unha relación directa cos restauradores.
Un encontro fructífero entre produtores e restauradores
"O fío verde" conseguiu reunir nun mesmo espazo a dezasete establecementos de restauración de Compostela e a súa contorna: Onde Keiras, A Quinta da Auga, Casa Abelleira, Bodeguilla de San Lázaro, Casa Barqueiro, A Ribeira do Tambre, Restaurante Villa Verde, Pazo de Cores, A Nave de Vilán, Lume, Casa Beatnik, O Fogar do Selmo, O Secreto de Padrón, Bar Barreiro, Restaurante Barrigola, Talladas Gastrobar e O Alpendre.
Pola banda dos produtores locais, participaron: Helados Xearte Brigitte, A Veiga do Espiño, A Horta do Rodiño, Grupo TGT, Cabrizanca, Orixes Galegas, Daquí darredor, Horta A Castiñeira, Nonéomesmo Compostela, A Dos Capelo, Entrelampo, Pasta Fresca la Ideal, Finca Capeáns, Gandería Mestre, Black Wolf, Hortasán ECO, Pementos Carmucha, Teo Berries e Pollos Rivadulla. A súa oferta abarca unha ampla variedade de produtos de tempada, desde tirabeques e ajetes ata acelgas, repolos, puerros, zumes xeados, pasta fresca, chourizos, polos, tenreira, cabritos ou vacún.
Tras unha presentación dos produtores locais, onde deron a coñecer a súa oferta, os restauradores tamén expresaron as súas necesidades. Foi neste intercambio onde comezaron a xurdir de maneira inmediata relacións comerciais baseadas nun interese mutuo.
Lois Lopes, de A Nave de Vidán e membro de Hostalaria.gal, animou aos produtores de cabrito a comercializar tamén cabra para recuperar pratos tradicionais como a cabra ao estilo de Santiago, un manxar que ofrecen no seu local pero cuxa materia prima é escasa. Outro exemplo foi Pura Seoane, de Hortasán ECO, quen propuxo aos restaurantes que lle indicasen directamente que produtos preferían que cultivase, permitindo unha produción "á carta" e adaptada ás demandas da restauración.
Tras estas primeiras exposicións, os asistentes reuníronse en grupos de traballo para explorar fórmulas de colaboración e coñecer outras opcións de negocio. A xornada culminou cunha degustación que permitiu a todos valorar a calidade e as posibilidades dos produtos ecolóxicos e de proximidade do Xeodestino Terras de Santiago.
Esta iniciativa subliña o potencial do territorio como eixo de conexión entre a produción local e a restauración, fortalecendo a economía da zona e promovendo un turismo gastronómico auténtico e sostible.