jueves. 25.04.2024

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o avance das obras do futuro albergue público de peregrinos de Vigo, que se prevé que estea rematado a finais deste ano. A Xunta investirá en total nesta actuación 1,8 millóns, incluíndo o equipamento.

Na visita, a que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, Rueda comprobou os traballos realizados na rehabilitación das dúas edificacións do Berbés e da rúa do Peñasco para dotalos dunhas instalacións nas que se garante a accesibilidade e con capacidade para acoller a 93 camiñantes.

Rueda valorou a importancia desta iniciativa “para que o ano que vén Vigo teña o albergue que merece, o que necesita”, e destacou o compromiso da Xunta coa cidade e co Camiño Portugués “nun ano fundamental”, en referencia á celebración do Xacobeo o próximo ano.

Neste sentido, lembrou que os camiños son “unha fonte de riqueza”, polo que “é obriga das administracións” poñelos en valor. Así, apelou á colaboración do concello de Vigo para instalar sinalización homologada do Camiño portugués ao seu paso pola cidade, en tanto é o único lugar neste itinerario que non conta con esta sinalización.

A creación do albergue de Vigo inclúese no plan da Xunta, dotado con máis de 7 millóns de euros, para a ampliación e a mellora da rede pública de albergues de cara ao Xacobeo 2021, que inclúe a creación de novos locais, así como accións de mantemento, reforma ou ampliación dos xa existentes

Alfonso Rueda recoñeceu que “estamos nun ano complicado” e que é preciso reformular o Xacobeo para adaptalo ás novas circunstancias, aínda que o Goberno galego non renuncia a convertelo nun motor de recuperación económica e social para Galicia. Ao respecto, sinalou que a Xunta segue traballando e que espera afluencia de peregrinos, que entre os meses de xullo, agosto e setembro deste ano ascenderon a máis de 40.000, segundo os datos de compostelas entregadas.

Primeiro albergue público de peregrinos de Vigo