domingo. 21.04.2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe a boa saúde da que gozan as rutas xacobeas debido a que, despois de acadar datos récord o ano pasado, nestes primeiros dous meses de 2024 a afluencia segue mellorando. Así, foron preto de 5.300 os peregrinos que recolleron a súa Compostela no que vai de ano, o que supón cerca de 400 máis que no mesmo período do 2023.

Neste sentido, Rueda sinalou a Ruta Traslatio como un exemplo do potencial que ten Galicia para atraer, diversificar e medrar cada vez máis como destino turístico de forma sustentable, polo que avogou por seguir impulsando este itinerario para consolidalo como un camiño de Santiago de referencia. “Con sentidiño imos seguir dicíndolle á xente que veña aquí, tendo en conta a sustentabilidade, a non masificación, a gastronomía e a hospitalidade”, asegurou.

Así o destacou nunha visita esta mañá ás obras de mellora da mariña de Vilanova de Arousa, uns traballos enmarcados na execución do Plan Xacobeo Next Generation, dotado con fondos europeos, para optimizar e poñer en valor os bens e instalacións vencelladas ao Camiño. Estas actuacións, baseadas na colocación dunha rampla de acceso, a instalación de placas solares e térmicas, o cambio da rede de luminarias dos pantaláns e do peche da terraza, entre outras, permitirán mellorar tanto a accesibilidade como a eficiencia enerxética e a seguridade dos usuarios destas instalacións deportivas, situadas na única ruta xacobea por mar.

En total, a Xunta investiu 1,3 M€ a través desta acción para actuar en 11 infraestruturas da Ruta Traslatio do Mar de Arousa e Río Ulla –ademais de en Vilanova, tamén se están a levar a cabo melloras noutros seis concellos da área de influencia da ruta como son Sanxenxo, O Grove, Boiro, Ribeira, Pobra do Caramiñal e Rianxo-, que se suman a outros 1,8 M€ para os restantes 31 clubes e mariñas galegas que se van executar durante este ano, completando así unha renovación en todo o mapa. “Son máis de 3 M€ que se engaden a outros plans que se investiron nos anos anteriores”, destacou.

Todo co obxectivo, tal e como destacou o presidente do Executivo galego en funcións, de seguir fomentando un sector estratéxico en auxe como é o turismo náutico na comunidade, adaptando as instalacións náutico-deportivas para que ofrezan os mellores servizos e cubran as necesidades de viaxeiros e visitantes que se achegan a coñecer o patrimonio cultural e etnográfico vencellado á costa. “Seguiremos apoiando as ideas que saian de aquí respecto ao mar de Santiago e a combinación do Xacobeo e a náutica, que é un camiño de éxito”, concluíu.

Preto de 5.300 os peregrinos recolleron a súa Compostela no que vai de ano, o que supón...
Comentarios