sábado. 20.04.2024

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse esta mañá ata o Balneario Arnoia Caldaria para poñer en valor a continuidade do programa de desestacionalización que a Xunta e a asociación Balnearios de Galicia puxo en marcha este verán. A prórroga do programa, baixo o nome de Outono Termal, desenvolverase desde o 1 de outubro ata o 28 de novembro para seguir apoiando ao sector termal galego, especialmente afectado pola paralización da convocatoria do Imserso.

O acto, no que tamén participou o delegado provincial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, e a presidenta da asociación Balnearios de Galicia, Marisol Espiño, serviu tamén para facer balance do apoio decidido que a Xunta de Galicia está a facer ao sector termal desde o comezo da crise sanitaria. “Acudimos ao rescate dos balnearios galegos”, explicou Nava Castro, “e facémolo a través da posta en marcha de programas como o Elixe Galicia, ao que destinamos este ano 1,3M€ para a promoción, entre outros, de programas de termalismo, e con iniciativas como este programa de desestacionalización, ao que destinamos un total de 175.000 euros”.

A través do Outono Termal se comercializarán un total de 709 prazas en 12 balnearios das catro provincias – 59 prazas por balneario-, para gozar de estadías de 10 días/9 noites en establecementos hoteleiros con tratamentos terapéuticos baixo prescrición médica e dirixido a pensionistas galegos ou residentes en Galicia. A aportación da Xunta de Galicia para a continuidade deste programa é de 75.000 que se suman aos 100.000 € iniciais consignados no Verán Termal.
Os balnearios que participan na iniciativa son: na provincia da Coruña, o balneario de Carballo e Balneario de Compostela; na de Lugo, Balneario de Lugo–Termas Romanas e Iberik Augas Santas Balneario & Golf; en Ourense, os de Arnoia, Laias e Gran Balneario do Carballiño (con aloxamento no Hotel Derby ou no Hotel Lorenzo); e da provincia de Pontevedra os balnearios Acuña (Caldas de Reis), Dávila, Caldelas de Tui, Mondariz e Termas de Cuntis.

ÉXITO

“O balance desta iniciativa non puido ser máis positiva: comercializáronse a totalidade das prazas ofertadas (800), desestacionalizamos a oferta termal, fidelizamos aos usuarios do termalismo e contribuímos a captar novos usuarios, ao tempo que apoiamos a un segmento turístico fundamental para a oferta turística galega”, explicou a directora de Turismo de Galicia, quen destacou que o termalismo permite contar a Galicia cunha oferta diferencial e de calidade.

REACTIVACIÓN

A continuidade desta iniciativa encádrase no marco do Plan de Choque co que o Goberno galego está a impulsar os sectores especialmente afectados pola pandemia e que xa supuxo un investimento de máis de 30 millóns de euros no sector turístico galego. Búscase así seguir apoiando a recuperación do sector termal, que comeza agora a súa tempada alta sen contar cun programa fundamental como o do IMSERSO, a través do que se ían comercializar en Galicia 4.300 prazas.

En total, a través desta iniciativa comercializaranse este ano 1.500 prazas en balnearios das catro provincias, ás que se lles engaden as prazas que se están a comercializar a través do programa Elixe Galicia, máis de 1.500 só no programa Balnearios no que levamos de ano.Imaxes relacionadas

'Outono Termal'