O miradoiro de San Nomedio, en As Neves, vén de acadar o distintivo “Paraxe Starlight”, que certifica a calidade do ceo nocturno e reforza a aposta polo astroturismo sustentable na comarca.
O miradoiro de San Nomedio (As Neves) obtén a certificación “Paraxe Starlight” e impulsa o astroturismo
O miradoiro de San Nomedio, no Concello de As Neves, vén de acadar a certificación “Paraxe Starlight”, un recoñecemento que avala a excelente calidade do ceo nocturno e as condicións idóneas da contorna para a observación astronómica e o desenvolvemento do astroturismo.
A distinción foi concedida á Deputación de Pontevedra, entidade impulsora e xestora do espazo a través do proxecto Visit Río Minho Plus, financiado con fondos europeos. Con este selo, o miradoiro de San Nomedio intégrase na rede de Paraxes Starlight, da que na provincia de Pontevedra só forma parte tamén o Faro de Avión, no Concello de Covelo.
O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, celebrou a noticia e subliñou que “esta certificación Starlight do miradoiro de San Nomedio é unha magnífica noticia para As Neves. Supón poñer en valor un espazo natural privilexiado e recoñecer a calidade do noso ceo, converténdoo nun recurso turístico de primeiro nivel ligado á sustentabilidade e ao respecto polo medio ambiente”.
O rexedor destacou tamén o potencial da certificación para o desenvolvemento local, ao permitir “seguir avanzando nun modelo de turismo responsable, que xera oportunidades económicas e ao mesmo tempo protexe o noso territorio”. “O astroturismo é unha aposta de futuro e As Neves ten moito que ofrecer neste eido”, engadiu.
Por último, Alfonso quixo recoñecer o traballo conxunto das administracións implicadas: “Queremos agradecer á Deputación de Pontevedra o seu compromiso co noso concello e co proxecto Visit Río Minho Plus, que está a permitir impulsar actuacións que reforzan a proxección turística de As Neves e melloran a experiencia das persoas que nos visitan”.
No marco de Visit Río Minho Plus, a Deputación de Pontevedra está a investir preto de 18.000 euros no miradoiro de San Nomedio. Estes recursos destínanse á realización dun estudo para a valorización integral da contorna, que permitirá, entre outras actuacións, definir a instalación de mobiliario urbano específico relacionado coa astronomía e mellorar a experiencia das persoas visitantes.
Con esta certificación, As Neves suma un novo elemento distintivo á súa oferta turística e reafirma o seu compromiso coa protección do medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a promoción responsable dos seus recursos naturais.
