Guías oficiais de turismo, prescriptores de calidade da marca Galicia

Un guía turístico dirige a un grupo de visitantes de Santiago de Compostela. ARCHIVO.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse ata Pontevedra para acompañar aos guías oficiais de turismo de Galicia na súa celebración adiantada do Día Internacional do Guía de Turismo, que se celebra o luns, 21 de febreiro. O obxectivo de levar a celebración ao domingo foi o de poder compartir e achegar o traballo deste colectivo profesional turístico ao público en xeral a través da celebración de visitas guiadas en seis cidades galegas: Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo, Pontevedra e Redondela nas que puidera participar o maior número de persoas.

O acto central da celebración promovida pola Asociacion Profesional De Guías De Turismo De Galicia (APITGalicia) tivo lugar este ano na Praza de España de Pontevedra, nun acto no que, ademais da directora de Turismo de Galicia, participaron o presidente de APITGalicia, Tommi Alvarellos e o secretario da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (AFAPO), Marcos Fontenla, colectivo ao que se destinou a recadación da visita guiada que se fixo esta mañá na cidade.

Este ano o Día Internacional do Guía deTurismo está dedicado ao turismo inclusivo, motivo polo que a asociación impulsará actividades de sensibilización e formación para que estes profesionais estean perfectamente preparados para dar resposta ás necesidades dos visitantes con diferentes capacidades.

A directora de Turismo de Galicia, fixo fincapé tanto no apoio que desde a Xunta se lle leva dando ao colectivo dos guías de turismo oficiais como á necesidade de seguir avanzando nun turismo máis inclusivo, do mesmo xeito en que se avanza nun turismo accesible, de calidade e sostible. Un obxectivo no que Turismo de Galicia avanza con accións como a colaboración con Discamino ou con ASPANAES para a posta en marcha dun centro de día para persoas con trastornos de espectro autista.

Por último, Nava Castro destacou a importancia do traballo, profesional e de calidade, que fan os guías oficiais de turismo, “un papel fundamental na imaxe de marca de Galicia como embaixadores oficiais e prescriptores do destino, e como garantía de calidade e piar fundamental na construción do destino turístico de excelencia.