lunes. 29.04.2024

A Xunta de Galicia vén de resolver a licitación do servizo para a execución do plan de medios da campaña de promoción do destino Galicia para este ano 2024, que xa se pode ver en distintos soportes audiovisuais e gráficos. Prevese a publicación de máis dun milleiro de insercións, entre spots de televisión, cuñas e mencións radiofónicas en programas de máxima audiencia e anuncios de prensa xeralista e especializada. A isto súmase unha ambiciosa campaña dixital dentro e fóra de España con máis de 30 millóns de banners publicitarios.

Baixo o lema ‘Pídeche Galicia’, a campaña presenta Galicia como o plan perfecto para desconectar, relaxarse e recargar forzas. Para iso, representa distintas situacións do día a día como unha oficina, un sofá ou mesmo unha cama que aparecen descontextualizados no medio dalgún paraxe natural galego, desde montañas, fervenzas, prados ou praias. Quérese plasmar deste xeito que os protagonistas teñen na cabeza unha vía de escape e desconexión en Galicia mentres están a realizar algunha tarefa cotiá. Conta, ademais, cunha orixinal banda sonora composta para a propia campaña que mestura galego e inglés con aires de hip-hop urbano.

No ámbito nacional, a campaña de Turismo de Galicia actuará na Comunidade galega para estimular o turismo interno e tamén no conxunto de España con especial incidencia en zonas estratéxicas como Madrid, País Vasco, Asturias e Castela León. En termos de audiencia estímase que chegue a máis da metade da poboación española, que terá ocasión de ver os anuncios un promedio de tres veces. Nas comunidades limítrofes a Galicia ou de interese estratéxico a porcentaxe ascenderá ao 80% da súa poboación, que poderá ver os anuncios un promedio de seis veces.

MERCADOTECNIA TURÍSTICA

Ademais destas insercións nacionais, a campaña terá tamén presenza internacional no eido dixital, a través de banners publicitarios e anuncios en medios de información, redes sociais e axencias de turismo en liña na procura de que a campaña teña un impacto directo no incremento do número de turistas que visitan a nosa comunidade.

Turismo de Galicia continúa así dando un pulo á mercadotecnia turística coa intención de afondar na consolidación do destino Galicia de xeito global, reforzando as accións dun turismo respectuoso, sostible, diversificado e desestacionalizado nos distintos momentos do ano. Dependendo das necesidades de difusión e comunicación, está prevista a realización dun mínimo de cinco oleadas -a primeira delas a que está agora en marcha- de impacto autonómico, nacional e darase impulso ao mercado internacional.

A adxudicación realizouse mediante procedemento aberto e as oleadas incluirán anuncios en televisión, radios, prensa, revistas e edición dixitais. Tamén publicidade exterior en distintas cidades españolas. Este acordo marco inclúe custos da estratexia, investigación, planificación, execución, xustificación e avaliación das campañas en medios de comunicación durante a súa vixencia; así como o custo da adquisición de espazos publicitarios en todos os soportes que se determinen.

Galicia, un lugar para desconectar, relaxarse e recargar forzas
Comentarios