sábado. 20.04.2024

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) celebrou onte a súa Asemblea anual en Santiago. Na xuntanza estiveron o xerente da Asociación, Benigno Amor; Francisco Blanco, de Fontecelta; Oliva Reguera, de Fontoira; José Luís Rodríguez, de Agua Sana; e Antonio Fernández, de Aguas de Sousas.

No transcurso da reunión acordouse retomar os proxectos aprazados por mor da pandemia, dirixidos aos centros educativos de Galicia e aos peregrinos que chegan á nosa comunidade. Son unha serie de accións encamiñadas ao fomento de prácticas ambientais sustentables no sector das augas minerais naturais.

En relación aos colexios, preténdese que coñezan a orixe e o proceso de envasado da auga mineral natural, a importancia da reciclaxe dos envases, xunto a hábitos de consumo respectuosos co medio. A Asociación ten elaborados unha serie de materiais didácticos para os centros educativos. O vindeiro curso vai enviar aos colexios das localidades galegas onde hai algún balneario ou planta envasadora de auga mineral natural próxima unha guía para os profesores, para que traballen estes aspectos na aula.

Con respecto aos peregrinos, búscase sensibilizalos sobre o valor da reciclaxe en xeral, e, en particular, dos envases de auga, para o coidado do medio. Baixo o lema Coidar o Camiño, responsabilidade de todos, distribuiranse folletos informativos a través dos albergues, nos que se recolle a importacia de reciclar as bolletas de auga mineral, fomentando así mesmo o valor da hidratación para a saúde, en especial cando se realiza exercicio físico. Estes materiais están en tres idiomas: castelán, galego e inglés.

AUGAS GALEGAS

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural creouse no ano 2011 para defender os intereses sectoriais, fomentar a mellora das empresas, a realización de accións formativas e de mellora ambiental e, en particular, para a promoción do sector das augas minerais naturais de Galicia. Xunto á Asociación de Balnearios de Galicia constitúen o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia.

AGAMIN está integrada por un total de 6 empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana en Baiona e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa.

'Coidar o Camiño, responsabilidade de todos'