viernes. 26.04.2024

O Camiño inglés deténse o domingo en Oroso

Primavera no Camiño Inglés desenvolverase este domingo 12 de xuño, entre as 10.45 e as 22.00 horas, na Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso). Aínda que as previsións meteorolóxicas auguran unha xornada de sol, toda a programación terá lugar ao abeiro de dúas carpas. Así, no Escenario Primavera estarán emprazados os 18 municipios polos que discorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. Uns municipios que darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica a través de diferentes actividades.

A alameda de Góis en Sigüeiro (Oroso) acollerá este domingo 12 de xuño a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, que foi adiada por razóns de seguridade o pasado sábado 4 de xuño debido a unha tormenta con aparato eléctrico. A pesar do aprazamento, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que organiza a iniciativa en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, foi quen de manter practicamente a mesma programación.

A xerente da Asociación, Cristina García, explica que “da programación inicial só tivemos que borrar dúas actividades: o espectáculo de Xacarandaina, que xa tiña reservada a data; e a degustación da tortilla de Betanzos. O resto da programación mantense sen cambios, cunha vintena de actividades totalmente gratuítas e para todos os gustos: showcookings, actuacións de música tradicional, espectáculos de maxia, presentacións de proxectos, obradoiros infantís e para adultos, degustacións de produtos típicos...”

ACTIVIDADES GRATUITAS

Primavera no Camiño Inglés desenvolverase este domingo 12 de xuño, entre as 10.45 e as 22.00 horas, na Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso). Aínda que as previsións meteorolóxicas auguran unha xornada de sol, toda a programación terá lugar ao abeiro de dúas carpas. Así, no Escenario Primavera estarán emprazados os 18 municipios polos que discorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. Uns municipios que darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica a través de diferentes actividades.

Cristina García adianta tamén que “aquelas persoas que estean facendo o Camiño Inglés e se acheguen por Primavera no Camiño este domingo, poderán recoller un agasallo no stand da Asociación con so ensinar a credencial de peregrino”.

Durante a mañá, a música correrá a cargo dos grupos folclóricos locais “Lembranzas do Tambre” e “Buxos Verdes”, a partir das 10:45 horas. Ás 11:30 horas actuará a Banda Xuvenil Airiños de Fene, que ás 12:00 horas dará paso a un espectáculo de maxia promovido polo Concello de Santiago de Compostela. Ás 12.30 horas está programada a inauguración institucional de Primavera no Camiño Inglés.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas a Asociación de Concellos do Camiño Inglés presentará as súas dúas próximas iniciativas: a segunda edición do Concurso de Fotografía Dixital “Camiño Inglés” e a primeira Media Maratón e 10k do Camiño Inglés, que terá lugar o próximo mes de xullo. Ás 18:30 horas, actuación do grupo folclórico “Argalleira”, de Oroso, e gran concerto final da Banda de Música de Arzúa, a partir das 21:00 horas.

Nesta mesma carpa emprazarase o Espazo Lúdico Primavera, onde se concentrarán os distintos obradoiros infantís, así como a elaboración dun graffiti sobre o Camiño Inglés da man da ilustradora de murais Nana, do Concello de Ordes, que repite experiencia tras o éxito acadado o ano pasado en Ferrol. Tamén repite o obradoiro infantil de barro de Brañas de Valga do Concello de Mesía, que entre as 11:30 e as 13:30 horas desenvolverán os artesáns Antón Román e Susana González e que permitirá que a rapazada leve para casa algunha que outra creación da súa propia man. No mesmo horario, o Concello de Cabanas ofrece unha exhibición das súas fiandeiras.

Pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas haberá tres obradoiros: un de creación de chapas, cortesía do Concello de Culleredo; un segundo de elaboración de Pan, da man do Concello de Neda; e un terceiro de elaboración de barcos de papel do Concello de Ferrol, como parte da iniciativa “Ferrol destino patrimonio mundial”, que busca que a cidade departamental sexa recoñecida pola Unesco. Finalmente, o Concello de Pontedeume ofrecerá varios pases das visitas coa Serea, unha forma de dar a coñecer as noites da vila dos Andrade.

REDE STELAR

O Escenario Rede Estelar acollerá as degustacións e exhibicións gastronómicas, así como o mercado artesanal, entre as 11:30 e as 20:00 horas. O programa abrirase ás 11:30 horas cun obradoiro de xabóns de arxila de Brañas de Valga e, de 12:00 a 14:00 horas, terá lugar unha degustación de Troitas de Oroso con Pan de Carral e Pan de Neda.

Paralelamente, ás 12:30 horas o cociñeiro Daniel López, do restaurante “O Camiño do Inglés”, representará ao Concello de Ferrol cun showcooking sobre a dieta Ártabra. Ás 13:00 horas, cata comentada da Indicación Xeográfica Protexida de Betanzos, viños certificados da marca da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas. Ás 13:30 horas, degustación do bolo mariñeiro do Concello de Miño, recheo de queixo e marisco; e showcooking de marisco a cargo do Concello de Pontedeume.

Ademais de participaren nas degustacións e nos showcookings de forma totalmente gratuíta, as persoas que asistan a Primavera no Camiño Inglés poderán acceder a un gastrobar de pago cunha oferta gastronómica de produtos de proximidade dos 18 municipios que conforman o Camiño Inglés.

Xa pola tarde, están previstas dúas novas degustacións: sobremesas do Concello de Oroso (ás 16:30 horas) e de Troitas de Oroso con Pan de Carral e Pan de Neda (de 19.00 a 20.00 horas). Así mesmo, contarase cun concerto de Arnela, do Concello de Carral (18.00 horas), e a actuación das Cantareiras de Oroso (19.00 horas).

O Camiño inglés deténse o domingo en Oroso
Comentarios