A Academia Xacobea, en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, celebrará os vindeiros venres 13 e sábado 14 de xuño dúas xornadas extraordinarias para subliñar a historicidade desta ruta xacobea. O acordo foi pechado nunha reunión en Santiago entre o presidente da Asociación e alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e o presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agis Villaverde, quen están a ultimar o programa de actividades que se dará a coñecer proximamente.
Santiago Freire expresou a súa satisfacción por "seguir estreitando o noso vínculo coa Academia Xacobea", lembrando o recoñecemento previo á historicidade do Camiño por parte de anteriores membros da Academia. Subliñou a importancia de "seguir dando pasos adiante para divulgar a nosa ruta e conseguir novos apoios mentres agardamos pola chegada desa máis que merecida oficialización".
Estas novas xornadas dan continuidade ao encontro de novembro de 2023, "Camiño da ría de Muros e Noia. Portus Apostoli", onde a Academia xa manifestara o seu respaldo histórico á ruta. Este evento de xuño de 2025 prodúcese tras os recentes cambios nas presidencias de ambas entidades.
Unha das novidades destacadas destas xornadas é a súa duración, que se duplicará con respecto ao evento anterior. Ademais, por primeira vez, Noia acollerá unha reunión plenaria e un xantar oficial da Academia Xacobea. O pleno terá lugar na mañá do sábado 14 de xuño no edificio Casino de Noia, cedido polo Concello para actividades da Academia desde 2023. Tras o pleno, o mesmo espazo albergará unha mesa redonda con poñentes de prestixio para debater sobre o Camiño de Santiago na Ría de Muros e Noia.
Previamente, o venres 13 de xuño, o Coliseo Noela acollerá unha Gala Xacobea aberta ao público, con actuacións culturais e musicais, así como o acto oficial de ingreso de novos académicos. Estas xornadas son promovidas pola Academia Xacobea, en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros e Noia e o Concello de Noia.
