miércoles. 17.08.2022

1 de cada 3 peregrinos a elixen o camiño portugués para chegar a Compostela

No que vai de 2022 xa son case 140.000 os peregrinos chegados a Compostela, mentres que o mes de maio converteuse no mellor da historia para o sector con máis de 766.000 pernoitas e 442.500 viaxeiros, o triplo dos rexistrados o ano pasado.
O presidente da Xunta chegou esta mañá a Caldas de Reis (Pontevedra) no seu percorrido polo Camiño Portugués.
O presidente da Xunta chegou esta mañá a Caldas de Reis (Pontevedra) no seu percorrido polo Camiño Portugués.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este sábado o comportamento de récord do Camiño de Santiago co impulso do Xacobeo dobre, logo de superar en todos os meses desde febreiro os datos de compostelas do histórico 2019. Ademais, subliñou a previsión de que esta fin de semana de xuño se alcance xa o mesmo número de peregrinos que no mes de xullo daquel ano.

En concreto, no que vai de 2022 xa son case 140.000 os peregrinos chegados a Compostela, mentres que o mes de maio converteuse no mellor da historia para o sector con máis de 766.000 pernoitas e 442.500 viaxeiros, o triplo dos rexistrados o ano pasado.

Rueda celebrou os datos que amosan “que o Camiño colle moitísima forza”, ao tempo que sinalou a recuperación dos peregrinos internacionais e resaltou este bo comportamento das rutas como unha demostración máis de que Galicia está de moda. Nesa liña, sinalou o obxectivo de que ao final deste ano o impulso do Xacobeo supoña dous puntos máis na achega do turismo ao Produto Interior Bruto.

Nun momento do seu percorrido polo Camiño Portugués, que iniciou o pasado xoves desde a localidade lusa de Póvoa de Varzim, Rueda constatou a afluencia de peregrinos que converten esta ruta como a segunda máis frecuentada: case 1 de cada 3 peregrinos a elixen para chegar a Compostela.

Por outra banda, o titular do Goberno galego salientou o investimento da Xunta de preto de 7 millóns de euros ao ano na limpeza e conservación dos Camiños. E tamén agradeceu o labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que converten as rutas xacobeas en seguras.

Por último, o titular do Goberno galego manifestou que Galicia é o destino para os que buscan un turismo tranquilo, seguro e de calidade. “Vivimos no mellor lugar do mundo e queremos que moita xente veña comprobalo”, sentenciou.

1 de cada 3 peregrinos a elixen o camiño portugués para chegar a Compostela
Comentarios