viernes. 26.04.2024

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- e o laboratorio Akunatura de Ourense -situado en Tecnópole- veñen de asinar un convenio de colaboración. O obxectivo deste acordo é ofertar a todas as empresas e entidades instaladas no Parque e aos seus traballadores un servizo de análise e detección precoz de posibles casos positivos de Covid-19.

O Parque Tecnolóxico de Galicia asina un convenio co laboratorio Akunatura para a realización de probas PCR ás empresas e traballadores do Parque.

Búscase así mellorar a seguridade e saúde dos traballadores, atallar a propagación da infección, ademais de minimizar no posible as consecuencias que poidan afectar á produción ou normal funcionamento das empresas, debido a acumulación de baixas laborais nun curto período de tempo que minguan a súa capacidade de resposta. 

A extracción das mostras poderá realizarse tanto nas empresas como no laboratorio

Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia e o laboratorio Akunatura aconséllase ás empresas e aos seus traballadores a realización de probas PCR para a detección de Covid-19, en caso de sospeita dun positivo ou contacto con positivos. Froito deste convenio, os traballadores terán un desconto do 30% nestas probas.

Para as empresas nas que haxa sospeita de varios traballadores afectados, ou ben queiran facer cribados para poder protexer ao resto do persoal e con iso minimizar as consecuencias, aconséllase a realización dun pull de mostras. Isto inclúe a análise de 2 a 10 traballadores. Estas probas tamén terán un desconto do 30%.

A extracción das mostras poderá realizarse nas mesmas dependencias da empresa afectada, de xeito que os traballadores non teñan que desprazarse. Tamén se poderán levar a cabo nas instalacións do laboratorio Akunatura, situadas no local 20 do Edificio Tecnópole I. A toma das mostras farase mediante cita previa, para garantir a seguridade  dos usuarios, a través do teléfono 988 271 861 (extensión 1).

Servizo de análise e detección precoz de posibles casos positivos de Covid-19 en Tecnópole